En Marea critica o novo veto da Mesa do Congreso ao debate sobre a transferencia da AP9
O vicevoceiro de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez, lamentou o xeito de proceder “antidemocrático e sen escrúpulos” do Goberno central.
A Mesa do Congreso ven de vetar unha vez máis o debate da iniciativa acordada por unanimidade no Parlamento de Galicia para instar á transferencia da AP9. Con esta decisión o Goberno estatal volta a desprezar ao Parlamento de Galicia con argumentos “mentireiros, falsos e manipuladores”.
“Unha vez máis Núñez Feijóo e o seu goberno quedan como obedientes servidores do goberno do Estado e non actúan como gobernantes dun país calando ante esta aldraxe” afirmou Sánchez que cualificou de “proceder antidemocrático e sen escrúpulos” a actuación deste Goberno central “desprezando o diferente”.
O vicevoceiro de En Marea interpelou ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, para que dunha vez por todas abandone a súa postura servil. “Feijóo ou é cómplice ou é que non ten peso ningún para ser Presidente da Xunta de Galicia e defender os intereses do noso país” asegurou. “Unha vergoña máis dun Goberno que segue a actuar como unha delegación do Goberno do Estado e non Goberno galego” concluíu o vicevoceiro de En Marea no Parlamento.