Redacción •  Galicia •  16/01/2020

Esquerda Unida valora como oportunidade histórica ao Goberno progresista de PSOE e Unidas Podemos para satisfacer as demandas sociais das galegas e galegos

O secretario de Organización de Esquerda Unida, Rubén Pérez, valorou tanto a configuración do Goberno como que o Executivo conte con perfís como o de Garzón ou o de Yolanda Díaz, ademais do resto de compañeiras de compañeiros de Unidas Podemos.

Esquerda Unida valora como oportunidade histórica ao Goberno progresista de PSOE e Unidas Podemos para satisfacer as demandas sociais das galegas e galegos

Compostela, 15 de xaneiro de 2020. Dende Esquerda Unida valoramos que o novo Goberno progresista de coalición do Estado terá grandes vantaxes tanto para Galicia como para as demandas da clase traballadora. En palabras do Secretario de Organización, Rubén Pérez, “temos que felicitarnos, non só da configuración do Goberno, senón tamén dos perfiles deste novo Goberno”.

Concretamente, Rubén Pérez sinalou que “para nós e absolutamente central que o coordinador de Izquierda Unida, Alberto Garzón, estea ao fronte dun Ministerio que vai ter un traballo moi importante en cuestións que afectan a Galicia en relación ao xogo ou á protección dos dereitos básicos dos consumidores, como pode ser os abusos das tarifas eléctricas”. O secretario de Organización de Esquerda Unida valorou moi positivamente o novo nomeamento de Yolanda Díaz como Ministra de Traballo e Economía Social. “A compañeira Yolanda Díaz xogou un papel moi importante na recente política galega e fixo un grande traballo parlamentar, no que atinxe a eidos como Traballo e Industria. Agora asumirá un papel clave nun momento moi importante como o é o futuro dos convenios colectivos, o futuro das negociacións colectivas e tamén das empresas para levar a cabo políticas laborais xustas”.

Segundo sinala o secretario de Organización de Esquerda Unida, dende Esquerda Unida “seguimos considerando que foi acertada a aposta en marcha de gobernos plurais, así como a unidade popular en Galicia” e este camiño de unidade é o que dende Esquerda Unida continuaremos a defender de cara ás vindeiras Eleccións Autonómicas de 2020.

Respecto ao novo programa de Goberno entre PSOE e Unidas Podemos, Rubén Pérez lembrou que “recolle unha grande parte das demandas sociais de moitos colectivos en Galicia, como a demanda do SMI ou das revalorizacións das pensións, concretamente a primeira e importante medida que acaba de tomar este Goberno”.

Para Esquerda Unida queda moito traballo por diante en Galicia para seguir a apostar por un Goberno de coalición, “un camiño difícil de transitar ante a oposición da dereita e da extrema dereita, obsesionada xa dende o comezo en tombar este Goberno”. Por iso, seguiremos a traballar dende as institucións e as rúas para chamar á mobilización “para soster con lealdade (asumindo sempre as críticas) un proxecto político feito entre todas”, remata Rubén Pérez.


Esquerda Unida /  Gobierno de Coalición /  pacto PSOE-Unidas Podemos /