Antón Sánchez: “Temos que presentar unha alternativa que dé continuidade ao traballo iniciado en AGE”
Anova reuniu esta fin de semana á súa Coordinadora Nacional nunha xuntanza que tiña como obxectivo analizar a situación de cara ás eleccións do 5 de abril. En declaracións aos medios de comunicación, o portavoz nacional Antón Sánchez afirmou que “apostamos por unha Fronte Ampla e por unha candidatura disposta a disputar hexemonías a PP e PSOE”, facendo un chamamento a “insistir en fórmulas que deron resultados nos últimos anos, fórmulas que foron apoiadas pola cidadanía”.
Nese sentido Antón Sánchez informou sobre os contactos realizados, “o traballo do diálogo coas organizacións coas que durante anos mantivemos alianzas en varios comicios”, que non se circunscribiu só ás organizacións políticas, se non que tamén tivo presente ao municipalismo galego e aos colectivos cidadáns organizados fóra de estruturas partidarias.
SUMAR ACTORES PARA TER A POTENCIA TRANSFORMADORA SUFICIENTE
Antón Sánchez afirmou que as mareas “teñen que ser un actor”, dende o respecto absoluto “aos seus debates e tomar as súas decisións”. Pola súa pluralidade e a suma de actores diversos, tanto dos movementos como dos partidos, “nas mareas é onde se deu con máis éxito a Unidade Popular” polo que “son referentes para nós”.
O responsable político afirmou que era necesario “tratar de sumar dialogando con Podemos e con Esquerda Unida”, aínda que neste intre detectamos que Unidos Podemos aposta nesta altura por “presentar o seu proxecto político, algo lexítimo nunha organización política cos que temos compartido moito”
ANOVA AGARDA QUE PODEMOS E ESQUERDA UNIDA NON ABANDONEN O PROCESO DE UNIDADE POPULAR INICIADO NO 2012
O portavoz nacional da formación non pechou a posibilidade de abrir a opción, xa que “queremos que estean neste camiño” Nese sentido Antón Sánchez afirmou que “estamos traballando par de mareas, colectivos e organizacións que traballaron na Unidade Popular teñan unha expresión electoral o vindeiro 5 de abril. Faremos todos os esforzos posibles porque se sumen a esa alternativa outras forzas políticas, Podemos e Esquerda Unida, porque cremos que sería positivo.”
Cando os medios volveron insistir sobre esta cuestión, Antón Sánchez insistiu en que nestes momentos “a proposta que se pon enriba da mesa por parte de Unidos Podemos é que nos sumemos a Unidos Podemos”. Nese sentido afirmou que nós apostamos por “darlle continuidade ao camiño de Unidade Popular que se baseou nun encontro entre iguais, no respecto da diversidade e na suma, esa é a diferencia política”. Nese sentido afirmou que “agardemos que os compañeiros desas organizacións – en referencia a Podemos e Esquerda Unida – reconduzan esa situación cara a Unidade Popular”.