AGE acusa ao PP de Alberto Núñez Feijóo de impulsar políticas que non dignifican as condicións de vida da poboación galega
O viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda Antón Sánchez denuncia que co PP na Xunta Galicia perdeu 14.000 habitantes cada ano.
![AGE acusa ao PP de Alberto Núñez Feijóo de impulsar políticas que non dignifican as condicións de vida da poboación galega](https://www.tercerainformacion.es/wp-content/uploads/2016/07/alberto_nunez_feijoo-950x0-c-default.jpg)
“As súas políticas non dan condicións de vida digna ás xentes deste país e menos aínda á xente moza”. Este foi o resumo co que o deputado de AGE dixo adeus ao presidente da Xunta na que probabelmente foi a derradeira sesión de control parlamentario da lexislatura. “Por que en 2009 Galiza medraba e desde que chegou vostede perdeu 14.000 habitantes cada ano?”, engadiu, “vostede e o seu partido meteron este país nun pozo”.
Sánchez lembrou que Galicia destruíu, nestes anos de crise, o dobre de empregos que no resto do Estado, ao tempo que reducía o “diferencial positivo” que tiña 2009. No sector agro forestal, os dous gobernos do PP destruíron un de cada tres postos de traballo, “unha destrución sen parangón» a nivel estatal. «O país era o 5,33% do PIB do Estado en 2009 e agora é o 5,18%. O emprego era o 6,14% do Estado e agora non chega ao 5,9%«-presentou Antón Sánchez.
O novo emprego caracterízase pola “temporalidade e a precariedade”. Os sectores produtivos entraron en liquidación. O austeritarismo dificulta a existencia aos de abaixo “e deprimen aínda máis a economía”. Deslocalización da industria, liquidación do sistema financeiro galego, redución do I+D+i a límites rídículos, parálise das enerxías renovábeis, emigración da mocidade. “Vostede repite que Galiza vai ‘polo bo camiño’ e sabe que iso non é máis ca ‘márketing’ e ningún dato o avala”, afirmou o viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda.
“Vostede non se pon rubio cando presume de principios éticos”, afeoulle o deputado Sánchez ao Presidente da Xunta, « vostede o que abraza a Baltar, o que fixo o que fixo con Marcial Dorado. Vostede supérase, deu un recital de soberbia, de prepotencia e da falta de respecto que o caracteriza”.
“Nós, aquí en Galiza, sufrimos a crise e sufrimos os gobernos de Feijóo”, rematou, antes de avisar: “Galiza precisa un cambio profundo e vostede xa demostrou que non é capaz”.