A candidatura de «A Marea do pobo», encabezada pola deputada de AGE Eva Solla en Ponetevedra, leva 25 medidas por e para a Esquerda
A MAREA DO POBO deu a coñecer hoxe as súas 25 grandes propostas para axudar a EN MAREA na definición dun programa de acción de goberno que defenda á maioría social agredida polas políticas da dereita.
A MAREA DO POBO ofrece este documento como aval da experiencia das persoas que a conforman ao longo do país e como garantía de que existe detrás das persoas un proxecto político e social. Un proxecto que ten como obxectivo animar á cidadanía galega a que o 25 S dea o seu apoio a EN MAREA e permita así poñer fin ao goberno austericida de Feijóo.
Despois de 8 anos austericidas de Feijóo queda en Galicia un escenario de empobrecemento (máis de 670 mil persoas en risco de exclusión; 46 % con serias dificultades para chegar a fin de mes), de degradación nas condicións de acceso aos servizos públicos (mediante a introdución de fórmulas de copago por acceder a ditos servizos) e de precariado (salarios de pobreza e contratos parciais, inestables).
Por iso, entre as 25 grandes propostas A MAREA DO POBO destaca a creación de emprego, destacándose a necesidade de que a taxa de desemprego se sitúe por baixo do 8%: supón crear uns 150.000 empregos na lexislatura. Do mesmo xeito, isto debe vir acompañado dunha nova forma de entender a economía e de investir nun novo modelo produtivo (precisamos investir en I+D+I en Galicia, de xeito que acade a media estatal do o 1,75% do PIB no 2017 e se sitúe na media europea no ano 2018 do 2,02% do PIB), ao mesmo tempo que se respectan os sectores primarios galegos.
O documento propón a realización dunha serie de accións destinadas a mellorar a vida de galegos e galegas, atendendo fundamentalmente aos servizos públicos esenciais educación/cultura, medios de comunicación (CRTVG), sanidade, xustiza e todo o que ten que ver coa necesaria formulación dunha cidadanía inclusiva e activa.