Luís Villares critica a Alberto Núñez Feijóo por negarse a debater públicamente en TVE
O candidato á presidencia de En Marea afirmou que “Feijóo ten que ter moitas cousas que agachar e moitas razóns para non querer dar a cara“.
![Luís Villares critica a Alberto Núñez Feijóo por negarse a debater públicamente en TVE](https://www.tercerainformacion.es/wp-content/uploads/2016/09/alberto_nunez_feijoo_0-950x0-c-default.jpg)
En Marea lamenta a covardía de Feijóo que se negou a participar no debate que estaba a organizar a canle pública de televisión estatal TVE. En Marea amosou dende o primeiro momento a súa disposición a participar nun debate a cinco que pretendía organizar a canle de televisión estatal pública. Hoxe mesmo En Marea acudiu á xuntanza á que foran convocadas as cinco organizacións para ultimar detalles, xuntanza á que non asistiu o Partido Popular.
O candidato á presidencia da Xunta de Galicia de En Marea, Luís Villares, cualificou de «ignorancia e covardía política» a actitude do candidato do PPdeG asegurando que xa que “era o único que ignoraba que Marcial Dorado era un narcotraficante, ou que ignora que Baltar é un acosador, debe ser que ignora tamén que as eleccións galegas son ao Parlamento de Galicia non a presidencia da República“. Na medida na que o Parlamento é unha Institución plural na que se reflicte a pluralidade de ideas o normal sería que o debate fose tamén entre pluralidade de partidos políticos e non facelo demostra ou moita ignorancia ou moita covardía política como salientou o candidato de En Marea. Villares incidiu en que negar o debate é negar o dereito á xente de coñecer as diferentes opcións políticas para escoller libremente.
“Debe ter moitas cousas que agachar e moitas razóns polas que non dar a cara“ denunciou Villares que lamentou que para o debate organizado mañá na Cadena Ser na que participarán os candidatos á presidencia tanto do PSdeG, como BNG e En Marea, por parte do Partido Popular o candidato opte por agacharse novamente e enviar “ao seu escudeiro Pedro Puy“.