Grupo Común da Esquerda •  Redacción •  Galicia •  16/09/2019

O Grupo Común da Esquerda acusa a Feijóo de utilizar o Parlamento en beneficio do PP pola data elixida para o Debate do Estado da Nación

Manuel Lago considera que o presidente pretende usar o debate para estar presente na campaña electoral estatal e anuncia que o grupo rexeitará a proposta na vindeira xunta de voceiros.

O Grupo Común da Esquerda acusa a Feijóo de utilizar o Parlamento en beneficio do PP pola data elixida para o Debate do Estado da Nación
O Grupo Común da Esquerda acusou a Feijóo de “utilizar o Parlamento en beneficio do PP” pola data elixida para celebrar o Debate do Estado da Nación os días 24 e 25 de setembro, segundo a petición rexistrada pola Xunta no Parlamento. “Parécenos unha irresponsabilidade inadmisible”, afirma o voceiro institucional do Grupo Común da Esquerda, Manuel Lago. “É inaceptable, é deturpar o papel das institucións, é burlarse do Parlamento de Galicia, é buscar atallos que lle permitan actuar na política española, utilizando as institucións galegas, e non estamos dispostos a ser copartícipes deste escándalo democrático”, criticou.
 
Deste xeito, Lago anunciou que “na xunta de voceiros do vindeiro martes imos opoñernos radicalmente a esta decisión do presidente da Xunta, e buscaremos o acordo co resto dos grupos da oposición para acadar unha posición conxunta que faga recuar ao PP de cometer esta falcatruada democrática”. Ademais, indicou que “Feijóo volve utilizar unha vez máis as institucións en beneficio do seu partido. Este debate é o principal nun ciclo parlamentario. Aí hai que debater dos problemas do país e buscar acordos entre todas as forzas políticas para darlles solución, e o que fai o presidente anticipando esta cita é utilizar o Parlamento de Galicia para asegurar a súa participación no debate electoral do conxunto do Estado”.
 
Tanto é así que, segundo considerou Manuel Lago, “Feijóo non quere que o Parlamento de Galicia fale dos problemas e das alternativas, senón que quere utilizar a Cámara galega como altofalante para estar el presente na campaña electoral a nivel estatal ante unha posible repetición das eleccións xerais”. O presidente da Xunta “non ten interese en falar do País. Nese sentido, pensamos que é unha trampa para non falar do seu balance de Goberno, para que se lle agoche á cidadanía galega un balance serio e rigoroso de cal é a situación de Galicia despois de dez anos gobernando o Partido Popular, e distraer a atención co debate estatal”.

Alberto Núñez Feijóo /  Grupo Común da Esquerda /  Manuel Lago /  Partido Popular /  PP /