17 de Xuño, Día Mundial da loita contra a desertificación e a seca
España é un dos países máis afectados pola desertificación e a erosión dos chans. As causas en boa parte proveñen dun modelo agrícola insustentable, no que o abuso de agroquímicos e a tendencia ao monocultivo intensivo, entre outros, son responsables dun deterioro e perda de chan.
Un dos compoñentes claves para evitar esta situación é manter un bo nivel de materia orgánica. Para este fin, Amigos da Terra resalta a importancia da compostaxe, como unha práctica viable, económica e fácil de aplicar, que rexenera o desgaste do chan a través da materia orgánica producida.
O 40% da superficie do pais vese ameazado por severos procesos de erosión e desertificación. Na actualidade, o noso territorio é un dos países industrializados máis afectados por este problema. Por esta razón, urxe implantar medidas preventivas e correctoras que impidan o aumento progresivo dadesertificación.
“O chan, como parte fundamental dos ecosistemas, debe recuperar a súa importancia. É necesario revalorizar a súa fertilidade, ter en conta a súa fraxilidade ante os impactos ambientais e deter a enorme especulación económica, que non só ameaza ao medio ambiente, senón ás nosas vidas e sustentos», sinala María Durán, responsable da área de Recursos naturais e residuos de Amigos da Terra.
A compostaxe da materia orgánica contida nos residuos domésticos convértese neste contexto nunha ferramenta imprescindible para enfrontar a desertificacion: aporta un abono que mantén a cobertura vexetal e respecta os ciclos naturais, logrando desembocar nun uso racional do terreo.
“Vivimos nun mundo con recursos naturais limitados, no que non podemos permitirnos seguir eliminando recursos que axudarían a frear a desertificación e seca á vez que damos unha solución ambientalmente sustentable e socialmente xusta á materia orgánica”, declara a organización.
Amigos da Terra/Amigos de la Tierra leva máis de 10 anos traballando con proxectos de compostaxe doméstica en máis de 30 municipios de Galicia, Baleares, Madrid, Andalucía, La Rioja, Aragón e Navarra. Os resultados demostraron a capacidade de implantación do modelo coa cidadanía, que xestiona os seus propios residuos orgánicos transformándoos nun abono natural de alta calidade, o compost.