Redacción •  Wikimedia commons •  Galicia •  17/07/2017

O PP oponse á reforma legal que propón En Marea para devolver o Pazo de Meirás á cidadanía

Transcurridos dez meses dende que o Parlamento de Galicia aprobou unha declaración institucional pola que se comprometía a “proseguir coas accións dirixidas a recuperar e dignificar a maioría das vítimas de represión exercida na Guerra Civil e durante o franquismo”, En Marea trasladou hoxe á Cámara unha Proposición de Lei para remitir ao Congreso dos Deputados co obxectivo de devolver ao sector público o Pazo de Meirás “coa debida compensación ás persoas e familias vítimas do espolio”.

O PP oponse á reforma legal que propón En Marea para devolver o Pazo de Meirás á cidadanía
“Súmense, señores e señoras do Partido Popular, para garantir un acto de xustiza e restitución da memoria democrática”, instou o vicevoceiro de En Marea e encargado de defender a iniciativa,  Antón Sánchez, para quen “é ben triste que teñamos que debater unha iniciativa para dignificar a memoria das vítimas do fascismo en 2017”.
 
Antón Sánchez destacou na súa intervención a “ilicitude orixinaria” da propiedade da familia Franco sobre o Pazo de Meirás. “Non foi un agasallo do pobo”, denunciou Antón Sánchez, “foi un violento espolio porque non existía ningunha posibilidade de negarse, era un botín para os vencedores que os herdeiros do fascismo teiman hoxe en día por facer do pazo o seu búnker”.
 
En 2008 o Pazo de Meirás foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) pero a familia Franco continúa incumprindo a obriga de abrir o pazo 4 días ó mes para o libre acceso da cidadanía, malia a sentenza do Tribunal Supremo que en 2010 confirma esta declaración. 
 
En Marea tamén propuña na súa iniciativa que se constitúa unha comisión, composta por representación do Estado, da Xunta de Galicia, da Deputación Provincial e do Concello de Sada  e que unha vez extinguidida a titularidade que ostenta a familia do ditador a propiedade sexa transmitida a un ente público consorcial das administracións públicas dedicándoo a usos públicos “con especial destino á recuperación da memoria histórica”.
 
A proposición perseguía incluír na Lei de Memoria Histórica do Estado un novo artigo “polo que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas a favor de quen padeceron persecución ou violencia durante a Guerra Civil e a ditadura”. 
 
O PPdeG baseou a súa posición nunha suposta falta de seguridade xurídica da iniciativa en detrimento do “dereito á propiedade” da familia Franco alegando que a expropiación do Pazo de Meirás podería dar lugar a un recurso ao Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos. 
 
“O inédito”, respondeu Antón Sánchez, “é que unha forza que se di democrática veña a defender ao Parlamento de Galicia e non a dignidade, vir aquí falar do Pazo de Meirás como se se tratase dunha expropiación dunha estrada é unha excusa de mal pagador e unha falta de respecto á memoria das vítimas. De que teñen medo? Temen molestar a ultradereita que aniña no PP, aos Lepens que teñen dentro. Non lle deben nada aos demócratas que conseguiron que hoxe esteamos debatendo nunha institución coma esta?”.
 
Para o vicevoceiro de En Marea o PP co seu voto en contra está conservando os privilexios de deteminadas familias do franquismo e executando “a chamada segunda morte das vítimas, a do esquecemento e o desprezo, pois a legalidade do Estado non rachou aínda co anterior Réxime, somos unha excepción en Europa por seguir defendendo a estas alturas os privilexios franquistas”. «Claro que ten difícil encaixe legal”, engadiu Sánchez, “porque a legalidade do Estado en España non rachou co anterior réxime, só hai que ter vontade poítica, pois somos unha excepción en Europa defendendo aínda hoxe os privilexios franquistas”. 
 
A iniciativa de En Marea conta co aval da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica, que seguiu o debate dende o Parlamento de Galicia e defendeu que a «legalidade non pode evitar reparar a xustizas das vítimas».  Tamén o alcalde de Sada, Benito Portela, cuestionou a actitude do PP e asegurou que dende o concello seguirán loitando para recuperar para a poboación o pazo de Meirás.
 

En Marea /  memoria histórica /