Compromiso por Galicia propón a creación dun Instituto Público de Crédito que apoie aos emprendedores
Xoán Bascuas reforza a súa aposta polo empresariado galego cun Observatorio para a Internacionalización de Productos e Servizos.
O candidato á Presidencia da Xunta por Compromiso por Galicia, propuxo esta semana na Coruña a creación dun Instituto Público de Crédito destinado a ofrecer financiamento a novos emprendedores e empresas galegas.
Esta proposta fíxoa pública durante unha charla pública coa cidadanía diante da sede de Abanca nos Cantóns, edificio que orixinariamente acolleu a primeira caixa de aforros da cidade, á que Bascuas denominou “o corazón financeiro do país”. A entidade ideada pola forza galeguista sería o resultado da fusión do actual Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a Sociedade de Capital de Risco de Galicia (SED).
A institución pública que propón Bascuas “ten como finalidade asumir a función de abastecer de crédito tanto a pequenos emprendedores como a entidades de maior dimensión que queiran consolidarse”. Queremos recuperar desde o público o espíritu orixinal das caixas de aforro, que non só cumprían unha función económica, senón tamén social, xa que tiñan un compromiso co país, igual que a entidade que nós propoñemos”, explicou o candidato á Presidencia da Xunta.
Pensando tamén no impulso de novos emprendedores e na consolidación do empresariado galego, o candidato á Presiencia falou da necesidade de que o goberno da Xunta constitúa un Observatorio para a Internacionalización de Productos e Servizos.
“É evidente que o mercado galego ten que ir fóra se quere dimensionarse”, argumentou. Nese sentido, defendeu que “o goberno galego ten que desempeñar un papel activo, poñendo en contacto ás empresas galegas co exterior, coa finalidade de favorecer a creación de sinerxias e colaboracións”.