Esquerda Unida denuncia que a xestión neoliberal da crise leva á precariedade xeneralizada en Galicia
Esquerda Unida denuncia o mantemento da precariedade laboral, a cronicidade da pobreza e a fenda salarial no Día Internacional pola Erradicación da Pobreza. España é o terceiro país de Europa con máis traballadores pobres, cunha gran fenda salarial, salarios baixos e un debilitado mercado laboral. Como lembra a coordinadora nacional de Esquerda Unida, “a maior parte do emprego novo que se crea no noso país é precario. Tal e como vimos denunciando nos últimos anos, as galegas e os galegos asistimos a un empobrecemento xeneralizado da clase traballadora, que leva consigo a cronicidade da pobreza”, sinala Eva Solla.
Segundo o informe que vén de presentar CCOO, máis de medio millón de persoas en Galicia, case o 20% da poboación, viven por baixo do limiar da pobreza, fixado en 8.871 euros anuais para unha persoa soa, aínda que a porcentaxe sube moito no relativo a salarios baixos e a metade da poboación ten serios problemas en chegar a fin de mes. “Estamos ante unha precariedade xeneralizada pero que afecta de forma especial ás persoas novas e ás mulleres e que se transforma en pobreza laboral. A xestión neoliberal da crise, por parte do PP é a responsable de que en Galicia teñamos traballadores pobres”, apunta Solla.
Tal e como explica a coordinadora nacional de Esquerda Unida, nestes últimos anos “vemos preocupadas como se está a impoñer unha modalidade contractual precaria, de menos horas e máis inestabilidade e que afecta a case o 90% dos novos contratos”. Doutra banda, “os salarios que perciben as e os traballadores, en xeral, é decrecente e escaso, o que fai que, por exemplo, un 14% de persoas que traballan na nosa comunidade sexan pobres”.
“Aínda que a situación de precariedade cébase máis especialmente coa mocidade, máis do 80% móstrase disposta a emigrar para atopar traballo e, doutra banda, moitas persoas xa perderon toda esperanza e abandonan as listas do paro. Deste modo, a destrución de emprego indefinido e de calidade é a condena de xeracións futuras a vivir condicións precarias inaceptables”, reflexiona a coordinadora.
Por todo isto, dende Esquerda Unida denunciamos o empeoramento na calidade de vida de máis do medio millar de galegas e galegos que viven baixo o limiar da pobreza e demandamos medidas urxentes como a promoción do emprego de calidade, levar a cabo políticas activas de emprego ou revalorizar as pensións segundo o IPC para rematar coa cronicidade a pobreza que asolaga a galegas e galegos.