Redacción •  Wikimedia commons •  Galicia •  17/12/2017

En Marea esixe a apertura do servizo de Hemodinámica no Hospital Universitario Lucus Augusti durante as 24 horas

O voceiro de En Marea, Luís Villares, esíxelle ao Goberno galego que ofreza o servizo de Hemodinámica as 24 horas no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), tralo anuncio por parte do director xeral de asistencia sanitaria, Jorge Aboal, de que non ampliarán o horario (que actualmente é de 8 a 15h) ao non estar xustificado, segundo el, polos datos de infartos agudos.

En Marea esixe a apertura do servizo de Hemodinámica no Hospital Universitario Lucus Augusti durante as 24 horas
“Dende En Marea consideramos indignante o trato denigrante ao que someten Feijoo e o PP a poboación de Lugo”, cuestionou duramente Luís Villares, para quen “con esta decisión Feijóo traza en Lugo unha liña divisoria entre a vida e amorte en función de algo tan arbitrario como un horario de oficina”. Asegura que é unha decisión tomada en base a “razóns económicas e non médicas, condenando os dereitos básicos da cidadanía, concretamente un tan fundamental coma o dereito á vida”.
 
O voceiro de En Marea pregúntase “quen é Feijóo para xogar coa vida da xente desta maneira” e lembra que a implatanción deste servizo que evitaría que os pacientes da provincia de Lugo se tivesen que desprazar ata A Coruña, “era unha promesa electoral de non hai tanto tempo”. “Volvemos constatar unha vez máis que a palabra de Feijóo non vale nada, co agravante de que neste caso as súas decisións poñen en perigo a vida de moita xente”, sentenzou.
 
Dende En Marea esíxeselle a Feijóo e ao Sergas unha rectificación inmediata, a posta en marcha do servizo de Hemodinámica no HULA durante as 24 horas e anuncian que seguirán loitando nas institucións e na rúa contra o recorte de servizos da sanidade pública que poñen en risco a vida da cidadanía galega.

En Marea /  sanidade /