Redacción •  Galicia •  17/12/2018

A Xunta continúa a mentir e ocultar información a En Marea sobre a fusión das caixas pese ao requerimento do TSXG a entregar dita información

Dez días despois de que o deputado de En Marea presentase un recurso contencioso-administrativo pola vulneración dos dereitos fundamentais como deputado, por ocultación de información da Xunta de Galicia, o Goberno galego contestou aos requerimentos que mediante o artigo 9 tiña solicitado En Marea ata 3 veces en 2018.

A Xunta continúa a mentir e ocultar información a En Marea sobre a fusión das caixas pese ao requerimento do TSXG a entregar dita información

Dita contestación, extraxudicial, tiña como intención tratar de eludir o procedemento aberto no TSXG dando cumprimento extraprocesal ao recurso pero en realidade “na resposta a Xunta de Galicia segue a ocultar información e directamente minte” como explicou o vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez. Oculta información xa que dos seis documentos requeridos polo deputado o 20 de setembro só da traslado de dous.

“Minte porque na contestación alude a que na documentación que se aportou á Comisión de Investigación das Caixas de Aforro galegas constan dende 2013 os informes técnicos e xurídicos da Consellería de Facenda obrantes no expediente de fusión das caixas e isto absolutamente falso” explicou Antón Sánchez.

Dentro da documentación aportada atópase a “Memoria da necesidade de contratación externa para a elaboración de sendas Due Diligences nas Caixas de Aforro galegas”, que pode considerarse a carta de encargo solicitada e á que se refire KPMG na propia Due Diligence, así como o expediente de contratación e pago por un montante de 1.034.591 euros. En dita documentación pódense comprobar as infraccións nas que incorreu a Xunta de Galicia, como a non tramitación do expediente ao abeiro da Lei 30/2007, de contratos do sector público ou a non fiscalización previa.

O vicevoceiro de En Marea asegura que na información obsérvase como mentres a “Memoria da necesidade de contratación externa para a elaboración de sendas Due Diligence nas Caixas de Aforro Galegas” é do 29 de Decembro de 2009, na proposta de servizos profesionais entregada por KPMG o 22 de decembro a empresa recoñece que leva traballando dende o 3 de decembro.

Con este último documento demóstrase así mesmo que non foi realmente a Xunta de Galicia quen fixou as cuestións que debían de avaliarse na Due Diligence, senón que foi a propia KPMG, xa que a data de emisión da proposta de servizos profesionais é do 22 de decembro de 2009, e nel sinala os aspectos a estudar que despois son reproducidos literalmente na “Memoria da necesidade de contratación externa para a elaboración de sendas Due Diligence nas Caixas de Aforro Galegas” de data 29 de decembro. “É dicir, dentro deste proceso chafalleiro, o que fixo a Xunta de Galicia foi actuar e despois tratar de vestir o santo” afirmou Antón Sánchez.

Ante a ocultación de información, e a mentira na que segue a incorrer o goberno galego nun asunto tan transcendente e dunha dimensión económica como foi este proceso que rematou coas dúas caixas de aforros que reunían o 40 por cento do aforro de galegas e galegos, o vicevoceiro de En Marea seguirá adiante co recurso contencioso iniciado no TSXG pola vulneración de dereitos fundamentais co obxectivo de que se faga xustiza e se chegue ata o final no coñecemento da verdade.


En Marea /