En Marea •  Redacción •  Galicia •  18/04/2019

En Marea propón igualar as pensións ao salario mínimo e elevar este último ata os mil euros

En Marea comprométese a traballar para igualar as pensións máis baixas ao salario mínimo interprofesional e a elevar este último ata os mil euros. O voceiro Luís Villares e a candidata ao Congreso por Pontevedra, Iris Malvido, mantiveron en Vigo un encontro con pensionistas; no que os representantes da formación deixaron sobre a mesa o seu compromiso explícito de rebaixar a idade de xubilación aos 65 anos e eliminar os copagos farmacéuticos. 

En Marea propón igualar as pensións ao salario mínimo e elevar este último ata os mil euros
“Rebaixar a idade de xubilación, subida das pensións máis baixas ata igualalas ao salario mínimo e interprofesional e a eliminación do copago farmaceutico” son as propostas de En Marea para “recuperar a dignidade das persoas maiores despois dunha vida traballando”, explica Luís Villares, voceiro de En Marea.
 
Luís Villares e Iris Malvido denuncian a perda na calidade de vida dos pensionistas e das persoas maiores provocada polas políticas do Partido Popular. “Durante a última década, aproveitando unha crise que foi unha verdadeira estafa, as persoas maiores sufrieron unha importante perda de calidade de vida polas políticas do PP, que non se preocupou das persoas maiores e das que precisaban unha xubilación en condicóns dignas”, condena o voceiro, que avoga por “recuperar a dignidade das persoas maiores despois dunha vida de traballo”.
 
O voceiro de En Marea puxo o foco na necesidade de “preocuparse polas nosos maiores e en garantir unha xubilación digna”. Así, criticou que “despois de toda unha vida de traballo teñamos que prorrogar a vida laboral aínda durante dous anos máis”, defendendo a baixada da idade de xubilación ata os 65 anos.
 
Villares lembra que a recente suba do salario mínimo fíxose cos votos de En Marea, e aproveitou para anunciar a aposta da formación por subilo ata os mil euros na vindeira lexislatura.
 
O voceiro de En Marea criticou ademais a situación de desprotección de moitas persoas, que “non puideron pagar os medicamentos que necesitaban para paliar a súa dor ou para restaurar a súa saúde. Parécenos esencial rematar con esa nova forma de precarización da saúde e a vida da xente”, afirma Villares.
 
Pola súa banda, Iris Malvido reivindicou a defensa do sistema público de pensións e comprometeuse a defender o que é un dereito de toda a cidadanía. “Nós rescatamos aos bancos, e agora estamos deixando que fagan negocio con algo que é de todas. Cos nosos dereitos. Provocando un encarecemento do sistema de pensións As pensións privadas non son asequibles para as persoas mozas, nun mercado laboral altamente precarizado. Non podemos consentir que os bancos queden co beneficio do noso traballo”.
 
A candidata pontevedresa ao Congreso tamén avogou por unha reforma da fiscalidade para facela máis xusta. “As empresas que obteñen máis beneficios e as rendas máis altas tegen que pagar máis. É unha cuestión de proporcionalidade e de xustiza”, afirma Malvido.
 
Medidas que favorezan a Galicia
 
Luís Villares tamén reivindicou esta mañá o dereito de En Marea a “poder participar nos debates en pé de igualdade con outras forzas políticas que tamén tiveron representación parlamentaria”.  “Non nos sentimos representados en ningunha das opcións que propuxo Pedro Sánchez”, afirmou, en relación á polémica polo debate a cinco cancelado e o recente cambio de postura do candidato do PSOE.
 
O voceiro de En Marea sostivo que a formación galega é a “única forza política que fará que o PSOE faga políticas progresistas, de esquerdas e que miren a Galicia”, afirmando que na última lexislatura “cando o PSOE non contou con En Marea os orzamentos foron lesivos para Galicia”.
 
Luís Villares reivindicou o papel de En Marea como a garantía dunha “alternativa progresista e democrática pero que non se esquezan os intereses de Galicia”.

En Marea /