Redacción •  Turismo de Asturias •  Galicia •  18/06/2016

A SGHN presenta unhas «alegacións á totalidade» sobre o novo Plan de Xestión da Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón

 A veterana entidade conservacionista considera lamentable a actitude da Xunta sobre este espazo natural compartido entre Asturias e Galicia, nunha situación na que os órganos de xestión da Reserva constituíronse con sete anos de retraso.

A SGHN presenta unhas «alegacións á totalidade» sobre o novo Plan de Xestión da Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón

A Sociedade Galega de Historia Natural denuncia a desgobernanza levada a cabo dende a Xunta de Galicia reflectida no novo Plan de Xestión sometido a información pública, no que se cometeron erros no texto publicado (no mundo hai 669 Reservas da Biosfera e non 651 como afirma o Plan) sen realizar en ningún momento «unha diagnose crible das súas debilidades, ameazas, fortalezas ou oportunidades».

Así, no texto, indican que non se plantexa ningunha medida para resolver os graves problemas ocasionados porla «eucaliptización galopante» da Reserva ou a masificación do uso público do Monumento Natural da Praia das Catedrais.

Ademáis, insisten en que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza só adica un 12,3% dos fondos a tarefas de conservación-restauración de hábitats naturais e «un ridículo 0,9%» á conservación de especies protexidas, incluíndo no Plan, por outro lado, accións xa desenvolvidas con anterioridade a súa aprobación.

Doutra banda, inciden en que «as accións de conservación e desenvolvemento sustentable preséntanse de forma moi xeneralista«, sen precisar «actuacións concretas a desenvolver, nin áreas e períodos para levalas a cabo». Por iso, consideran que a redacción do Plan de Xestión é tan ambigua «que podería aplicarse a unha Reserva situada en calquera rincón do planeta«, o que fai patente «o descoñecemento por parte dos xestores da Reserva dos problemas e necesidades do territorio, así como das medidas concretas e custos para a súa solución».

Finalmente, a SGHN alerta de que o novo Plan de Xestión incumpre «os criterios legais establecidos» na Lei 42/2007, do Patrimonio Natural e a Biodiversidade modificada pola Lei 33/2015 e a Lei Orgánica 1/1981, do Estatuto de Autonomía de Galicia e a Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración Pública galega.

Por estas e outras razóns, a SGHN ven de presentar unhas «alegacións á totalidade» sobre o novo Plan de Xestión da Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón, solicitando a anulación do documento a consultas e a redacción dun novo, elaborado «de forma participativa, racional e transparente«, no que se inclúan accións «conforme ás verdadeiras necesidades da Reserva da Biosfera para lograr o cumprimento e obxectivos establecidos pola UNESCO e a lexislación estatal», con orzamentos realistas para todas as accións, e que tamén sexa redactado en galego ademáis de en castelán, «segundo establece a lexislación autonómica vixente».


Biosfera /