flickr.com •  Redacción •  Galicia •  18/07/2016

Alternativa Galega de Esquerda denuncia “oito anos nefastos” para o ensino no rural e un novo recorte de escolas, aulas e profesores

Os deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron propoñen un pacto político e social para defender a escola pública do “balanzo aterrador do ciclo Feijóo que remata”.

Alternativa Galega de Esquerda denuncia “oito anos nefastos” para o ensino no rural e un novo recorte de escolas, aulas e profesores

A trituradora do Partido Popular contra o ensino público, especialmente extrema no medio rural, non se detén. Trece escolas, 60 aulas e 102 profesores menos constitúe “o novo castigo” ao que a Xunta de Alberto Núñez Feijóo someterá o ensino no rural e que esta mañá levou a Alternativa Galega de Esquerda (AGE) a denunciar “os oito anos nefastos” de gobernos do Partido Popular en materia educativa.
 
Os deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron compareceron ante a prensa no Parlamento galego para atacar as políticas de liquidación do ensino público de Feijóo. “O peche de escolas só responde ao economicismo, e non a valores pedagóxicos nin sociais”, expuxo Ron, “e supón privar dun servizo á poboación con graves consecuencias”. A escola no rural é moito máis que un centro de ensino, argumentou Vázquez, “e contribúe á dinamización cultural e da identidade, é un referente institucional, e ofrece prestacións que, doutro xeito, non chegarían á xente. A maiores, fixa poboación e frea a desertización. Sen un sistema educativo público no rural, Galicia non ten futuro”.
 
Pero a estratexia da dereita neoliberal do PP bate coas necesidade e os dereitos das maioría sociais. Segundo a orde publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado venres, 13 escolas –oito na provincia da Coruña, catro na de Pontevedra e unha na de Lugo- pecharán as súas portas o vindeiro curso. “incumpren mesmo os propios criterios da Xunta, xa que en Vilalba van pechar un centro con 16 alumnos e alumnas matriculados”, engadiu Vázquez, “cando a Xunta esixe un mínimo de dez alumnos e alumnas para manter unha escola”. Das 60 aulas que o Goberno de Feijóo suprimirá, 34 corresponden a Educación Infantil e 26 a Primaria. 24 menos corresponden á provincia de Pontevedra, 22 á da Coruña, sete á de Lugo e sete á de Ourense. As retalladas no profesorado, 102 prazas menos, cébanse nos especialistas en atención a alumnos e alumnas con necesidades especiais: 4 prazas menos en pedagoxía terapéutica, unha en audición e linguaxe e 19 orientadores.
 
O Partido Popular castiga o rural e crea un modelo segregador onde os que teñen dificultades de entrada, ben por necesidades especiais, ben por vivir lonxe de núcleos de poboación máis grande, terán máis dificultades para avanzar no sistema educativo”, resumiu Ramón Vázquez. O “final de ciclo de Feijóo” deita un “balanzo aterrador” no ensino do rural: 116 escolas e 592 aulas menos que hai oito anos. E todo coa “pasividade e inacción” dun Goberno, o do PP, que rexeitou “todas as iniciativas de AGE, e tamén do resto da oposición, para reverter a situación”.
 
PACTO GALEGO EN DEFENSA DO ENSINO DO RURAL

Alternativa Galega de Esquerda concluíu facendo un chamado a “un Pacto Galego en Defensa do Ensino no Rural” que sente “ás forzas políticas, aos sindicatos, ás asociacións e entidades sociais” e garantir así un ensino público e de calidade no rural galego que “deteña esta sangría”.


AGE /  Alternativa Galega de Esquerda /  Parlamento de Galicia /  Xabier Ron /