Antón Sánchez: «O dos parques eólicos de Paradela só é un exemplo máis do modelo do espolio que está a acontecer no noso país polas políticas do Partido Popular»
O vicevoceiro parlamentario do Grupo Común da Esquerda e portavoz nacional de Anova levou esta semana ao Parlamento galego nunha Proposición de Lei (PNL) o debate sobre o rexeitamento aos novos proxectos de Enel Green Power España / Endesa na localidade lucense de Paradela instando á súa paralización.
«Poderíamos traer moitos casos dos que nós chamamos modelo do espolio que está a acontecer no noso país» -afirmou o deputado-, en relación á problemática xerada para a veciñanza e a bisbarra polos parques eólicos Paradela e Serra das Penas, criticando a permisividade do Goberno Feijóo logo de que a promotora tramitase de xeito fragmentado a potencia, instalando 21 aeroxeradores e 42 MW no primeiro caso e 6 aeroxeradores e 12 MW no segundo, conseguindo así que sexa o Executivo da Xunta o que tramite estes proxectos e non o Estado, favorecendo a sú implantación sen estudar adecuadamente os efectos sinérxicos acumulados a nivel paisaxístico e ambiental.
Durante a súa invervención na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, o responsable político fixo referencia ao «modelo de espolio con certo aire colonial» que ven de décadas e Gobernos anteriores, que favoreceron a ocupación dos ríos ou o esgotamento de recursos naturais coma o lignito, facendo «millóns e millóns» a través de «testaferros» nos diferentes Gobernos que favoreceron o negocio privado das grandes empresas a costa do Ben Común, rematando logo nos consellos de administración de eléctricas como Endesa.
Sánchez recordou que «como xa é norma» no modelo impulsado pola Xunta, a Administración galega «tivo pouca consideración» cos impactos ambientais, patrimoniais e sociais destes parques eólicos, tanto pola súa grande afectación ao Camiño de Santiago ao seu paso polo Concello de Paradela, como pola súa afección á pisaxe é a vida das persoas, pola proximidade de aeroxeradores de máis de 140 metros de altura aos núcleos rurais máis próximos.
«En Paradela hai xente que vai sufrir a instalación destes aeroxeradores» -denunciou o deputado-, recordando que en casos coma os de Chantada e Corme a instalación incontrolada de parques eólicos deu lugar a unha morea de queixas por parte da veciñanza.
Na PNL, asinada tamén polos deputados Marcos Cal e Julia Torregrosa e apoiada por todos os grupos da oposición da Cámara galega, o vicevoceiro tamén reflexou a presenza de avifauna en situación vulnerable, como a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a Gatafornela (Circus cyaneus), reseñando que ademáis da biodiversidad á paisaxe da Ribeira Sacra, candidata a Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, é a gran afectada, mentres unha empresa multinacional italiana como Enel «farase de ouro á conta do noso territorio e o noso vento deixando para a zona os impactos e migallas económicas».
«Nós estamos en contra de que se instalen así os eólicos -aseverou Sánchez-, porque creemos que se debe facer cun escrupuloso respecto á xente do rural, á xente que todavía aguanta vivindo no rural. Porque a despoboación do rural non é casualidade, porque a xente a están botando con cousas como esta».
O deputado apostou por un modelo que siga as recomendacións europeas para o sector, tal e como desenvolven países como Dinamarca, Alemaña e Austria, onde se atopa «en mans da xente» e «maioritariamente en forma de cooperativas» con financiamento e asesoramento público e revertendo directamente na poboación rural, á diferencia do caso galego.
«O Partido Popular está máis a outras cousas. Está máis a esas portas xiratorias e a participar dos negocios de Endesa, como sempre participaron o Sr. Pizarro, o Sr. Aznar e o Sr. De Guindos, que pasaron polo seu consello de Administración e que evidentemente é un pago bastante pobre para os moitos beneficios que vostedes lle deron e lle están a dar a esta empresa» -sentenciou o deputado na súa intervención-.