Eva Solla presenta a charla: “Lindano, que facemos dende o Parlamento Europeo”, que contará coa presenza da Eurodeputada de Izquierda Unida Paloma López
Para intentar aclarar algunha cuestión máis dende Europa, a eurodeputada de Izquierda Unida, Paloma López, levou unha serie de preguntas nas que solicitaba á Comisión Europea (CE) que aclarara cuestións tales como se ten coñecemento da actual situación que a veciñanza do Porriño está a vivir coa contaminación de lindano e se cre que as medidas de control nesta zona cumpren a normativa europea, ademais de garantir a calidade da auga.
Compostela, 19 de marzo de 2018. Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, vén de presentar en rolda de prensa o acto que a organización levará a cabo este venres 23 en O Porriño, que contará coa participación da eurodeputada do Parlamento Europeo por Izquierda Unida, Paloma López, co concelleiro de EU Son Porriño, Pedro Ocampo, ademais de coa participación da propia Solla. Dende Esquerda Unida consideramos que, debido á natureza tóxica do lindano, -que é un canceríxeno de tipo 1-, é necesario seguir a traballar e tomar medias precisas para levar a cabo accións efectivas contra este contaminante.
Tal e como trasladou esta mañá a tamén vicepresidenta do Parlamento de Galicia, “a Xunta vén de ofrecer un informe no que analiza o impacto do tóxico na saúde, aínda que o fai de forma moi parcial e pouco exhaustiva, xa que sabemos que se coñecen sitios, dende fai décadas, onde están estes residuos, tales como o polígono de Torneiros, onde hai vivendas de protección oficial. O propio informe da Xunta recoñece que o traballo de mostraxe é puntual, polo tanto non se pode considerar ‘representativas’ á hora de afirmar que non existe contaminación”. Para Eva Solla, “despois dun mes, non temos información sobre algunha medida dende Medio Ambiente para coordinarse e planificar a retirada ou encapsulación de lindano, tal e como se fai noutras comunidades autónomas”, explica.
O lindano está presente tamén en terras de cultivo, como no terreo sobre o que se sitúan vivendas e zonas de parques, un deles bautizado como Parque do Lindano. “Non somos o primeiro país que ten este problema, na Unión Europea hai outros trece, tales como Alemaña ou Francia, aínda que no noso país non se está a cumprir normativas coma Directiva 850/2004 que foi moi firme co seu uso”, sinala.
Precisamente, para intentar aclarar algunha cuestión máis dende Europa, a eurodeputada de Izquierda Unida, Paloma López, levou unha serie de preguntas nas que solicitaba á Comisión Europea (CE) que aclarara cuestións tales como se ten coñecemento da actual situación que a veciñanza do Porriño está a vivir coa contaminación de lindano e se cre que as medidas de control nesta zona cumpren a normativa europea, ademais de garantir a calidade da auga.
Este venres, a eurodeputada de Izquierda Unida, Paloma López, visitará a zona para saber como foi a retirada e traslado do tóxico e despois participará no acto de Esquerda Unida. “O obxectivo do acto é intentar buscar solucións ao problema e ver como se pode involucrar Europa para que os concellos teñan a súa voz alí, así como para levar a cabo accións efectivas contra este contaminante”, apunta.
Segundo explica Eva Solla, “a contaminación por lindano en O Porriño e nos concellos adxacentes é un problema moi grave para a saúde e para o medio ambiente. A pesar de que apareceron xa fai catro meses os restos de lindano da obra de Contrasto, aínda non se levou a cabo ningunha medida efectiva para planificar a súa retirada conforme as normativas de protección de saúde e medio ambiente”, lembra.
Dende EU Son Porriño tamén trasladaron a súa preocupación á Fiscalía e teñen denunciado en repetidas ocasións os altos niveis desta sustancia tóxica perigosa presente na comarca de Torneiros, esixindo a implicación das diferentes administracións (concretamente o Concello e o Parlamento de Galicia) para paliar este problema ecolóxico e sanitario.