Redacción •  Galicia •  19/03/2019

En Marea presenta a súa candidatura para levar ao Congreso e ao Senado un proxecto de país comprometido coas reivindicacións e os dereitos sociais

En Marea presentou este sábado na Coruña a súa candidatura para as próximas eleccións xerais. As integrantes das listas que a formación presentará aos comicios do 28 de abril para o Congreso e o Senado déronse cita no Parrote para escenificar oficialmente o inicio dunha precampaña que quere levar ás institucións do estado as demandas dunha cidadanía que reclama máis dereitos, igualdade e unha política ao servizo do desenvolvemento socioeconómico e a calidade de vida.

En Marea presenta a súa candidatura para levar ao Congreso e ao Senado un proxecto de país comprometido coas reivindicacións e os dereitos sociais

Logo dun 2011 no que a cidadanía se botou á rúa de xeito masivo para reclamar rexeneración democrática, xustiza social e dereitos sociais para todas e todos, “estamos ante un tempo novo: o tempo das mulleres, da igualdade, dos dereitos sociais, do emprego digno e do fin da precariedade laboral. É o tempo da esperanza para o noso país, e con ese obxetivo En Marea presenta unha candidatura ao Congreso e ao Senado que quere acompañar ese tempo de esperanza, ilusión e futuro”.

A proposta de En Marea para as próxima eleccións xerais aposta por “candidatas e candidatos que representan a diversidade social, xente que ven do mundo do traballo, do feminismo, do ecoloxismo. Xente comprometida que loita porque quere un futuro mellor. Estas son as candidatas dun tempo novo para o noso país”, indica Luís Villares, que destaca o papel da próxima cita electoral como unha oportunidade decisiva de mudar o escenario político para conseguir unha “reprentación en clave democrática, social e nacional do novo país. Este ó escenario no que En Marea quere postularse como unha forza política que sexa decisiva para un futuro que ten que ser necesariamente máis democrático, máis social e máis inclusivo”.

Fronte ao modelo tradicional polo que optan outras forzas políticas, En Marea preséntase ás eleccións de abril como un espazo que sitúa no centro a voz, as inquedanzas se necesidades das persoas. “Estamos ante unhas eleccións nas que a cidadanía vai ter ocasión de escoller o proxecto político que mellor se acomode aos seus intereses. Nestes dous anos e medio vimos de trballar incansablemente para construír un proxecto político que se amoldase aos tempos que están vindo, os tempos da cidadanía. Por iso somos unha forza cidadá que non se subordina aos partidos políticos clásicos, que non ten obediencia de ningún tipo máis que o clamor social por ampliar dereitos. Esa é a nosa oferta electoral, o noso contrato social, o noso compromiso co conxunto da sociedade do noso país e co cal agardamos un respaldo maioritario nas eleccións do 28 de abril”.

O voceiro de En Marea destacou a necesidade de poñer o foco nas demandas cidadás. Demandas unánimes escenificadas nas grandes mobilizacións pola igualdade, a protagonizada recentemente por xente moza a favor do medio ambiente e un futuro sostible ou as das pensionistas. “Esas loitas, así como as que defenden servizos públicos como a sanidade ou o ensino, non están fraccionadas, aí non existe división. E En Marea quere representar esta unidade cidadá a prol dunha serie de principios que buscan ampliar dereitos para que a xente viva mellor. A iso viñemos á política: a crear as condicións materiais para que a xente poida vivir mellor”, destaca Luís Villares.

O voceiro de En Marea non deixou pasar a oportunidade de reivindicar o espazo municipalista e o modelo de mareas como a Marea Atlántica, que no seu día souberon recoller as inquedanzas da veciñanza e sumar toda esa forza a favor dun proxecto común. “Ese é o modelo polo que apostamos para conseguir levar o cambio tan necesario ao estado”, indicou Villares, que puxo en valor o proxecto de En Marea como “unha forza que unicamente escoita á voz da cidadanía na rúa e que responde unicamente ante tres principios: a idea de rexeneración democrática, a idea de participación e a idea de compromiso ético cunha serie de principios. Esas foron as únicas condicións que En Marea puxo para integrar esta candidatura: poñer a ética por enriba de calquera outra consideración, e o compromiso firme e decidido coa igualdade, co progreso social, coa idea da cohesión territorial e co desenvolvemento socioeconómico do noso país”, explicou o voceiro de En Marea. Que reivindicou a mensaxe dun 15m  que “foi un reclamo tamén no interno para os espazos políticos, que teñen que ser abertos e transparentes. Espazos onde todo o mundo poida decidir sobre o seu programa político e sobre as persoas que o representan”.

 

 


28A /  En Marea /