Redacción •  Galicia •  19/06/2019

Esquerda Unida esixe o cumprimento dos convenios internacionais e as directivas europeas de asilo para rematar coa vulneración dos dereitos das refuxiadas

“Esta persecución policial racista é inadmisible en democracia, hai que garantir sen máis demora os dereitos de cidadanía ás persoas migrantes e refuxiadas que neste momento están desprotexidas e viven co medo a converterse nas seguintes vítimas dunha redada racista”.

Esquerda Unida esixe o cumprimento dos convenios internacionais e as directivas europeas de asilo para rematar coa vulneración dos dereitos das refuxiadas

Compostela, 19 de xuño de 2019. Neste 20 de xuño, Día Mundial das Persoas Refuxiadas, dende Esquerda Unida instamos aos gobernos e ás distintas administracións para que cumpran coa lexislación internacional e se poña fin ao gran xenocidio deste século. É urxente erradicar coas políticas inhumanas e xenófobas que asasinan e converten o Mar Meditérraneo nun inmenso cemiterio e é urxente que a UE sexa por fin garante do respeto aos dereitos fundamentais das persoas refuxiadas, tal e como reclama a inmensa maioría da sociedade civil.

Dende Esquerda Unida recoñecemos o papel fundamental do activismo social, en Galicia a Rede Galega en Apoio das Persoas Refuxiadas, na loita pola defensa dos dereitos fundamentais das persoas refuxiadas e a denuncia constante diante da multitude de vulneracións deses dereitos, así como a concienciación e sensibilización social que levan a cabo.

Nun contexto global de desprazamento forzado, máis de 60 millóns de persoas teñen que fuxir dos seus países de orixe, polo que é imprescindible establecer políticas migratorias que dean resposta á situación das persoas refuxiadas que chegan ás nosas fronteiras. “Tanto España como a UE están incumprindo dereitos fundamentais recollidos na Carta Internacional dos Dereitos Humanos, a Convención Europea sobre Dereitos Humanos, a Convención de Xenebra sobre Refuxiados, o artigo 14 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, así como diversas directivas de asilo europeas coas que nega reiteradamente o dereito ao refuxio e prohibe a entrada ás persoas que foxen da guerra, facendo do Mediterráneo a maior foxa común do mundo, na que xa perderon a vida centos de milleiros de persoas”, sinala o responsable de Estratexias para o Conflito, Guillermo Crego.

En España hai milleiros de persoas solicitantes de asilo ás que non se lles está dando resposta, moitas recluídas ilegalmente en CIEs (centros de internamento similares ás prisións), non poden regularizar a súa situación administrativa, o que lles impide o acceso a dereitos e servizos básicos. “Moitas persoas migrantes e refuxiadas rematan expulsadas en voos de deportación ilegais flotados por Air Europa, Aeronova e Swiftair que tan só en 2018 e 2019 se apropiaron de case 10 millóns de euros do Ministerio do Interior para cometer estes atropelos, de novo o capitalismo e o neoliberalismo impoñendo o negocio e o lucro de grandes empresas ante a vida e os dereitos humanos”, explica Guillermo Crego.

“Esta persecución policial racista é inadmisible en democracia, hai que garantir sen máis demora os dereitos de cidadanía ás persoas migrantes e refuxiadas que neste momento están desprotexidas e viven co medo a converterse nas seguintes vítimas dunha redada racista”, completa.

Ante esta situación indica a Rede Galega para as persoas refuxiadas no seu Manifesto “é imprescindible que se revise en profundidade a política migratoria e exterior europea. O modelo de Europa fortaleza está a dilapidar millóns de euros nunha sinistra infraestrutura de vixilancia, disuasión, control, intimidación e violencia mentres elude calquera xestión global que antepoña a vida das persoas. Só abandonando a actual política exterior baseada no lucro imperialista que vulnera a soberanía dos pobos e camiñando cara unha outra centrada na cooperación e na loita contra as desigualdades, poderemos atallar a raíz das crises migratorias e actuar de maneira solidaria perante os seus efectos”.

En definitiva, Esquerda Unida, como organización internacionalista, na que a solidariedade, cooperación ó desenvolvemento e Paz son eixos fundamentais da nosa presenza nas institucións e nas rúas, como movemento político e social, e facéndonos eco das demandas do activismo social esiximos á UE e aos gobernos dos Estados membro que se abran rutas legais e seguras, que se adopten medidas urxentes de acollida e que se cumpran os dereitos humanos e tamén instamos á Xunta de Galicia e aos gobernos locais para que traballen na defensa dos dereitos das persoas migrantes e refuxiadas.


Esquerda Unida /