Redacción •  Galicia •  19/10/2016

En Marea logra no Congreso sacar adiante a súa proposta para impedir a recalificación da superficie queimada antes de 30 anos

Alexandra Fernández fixo unha dura crítica da Lei de Montes do PP (2015) por abrir a porta á resquicios que permitan a especulación urbanística, por vulnerar competencias autonómicas, e restar funcións aos axentes forestais na investigación de delitos ecolóxicos.

En Marea logra no Congreso sacar adiante a súa proposta para impedir a recalificación da superficie queimada antes de 30 anos

A Comisión de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente aprobou este mediodía a proposición non de lei de En Marea que demanda a derogación do cambio feito polo PP na Lei de Montes de 2015 para que se poidan recalificar terreos calcinados antes dos 30 anos dun incendio. A única formación política que se posicionou en contra da iniciativa de En Marea foi o PP, o resto de grupos intervintes explicitaron o seu total respaldo a esta proposición.

A portavoz de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, iniciou a súa intervención cargando contra a Lei de Montes do PP, aprobada na “X lexislatura de goberno de maioría absoluta do PP. Unha lei que contou cun frontal rexeitamento non só da oposición parlamentar senón que foi moi cuestionada polos axentes forestais, as organizacións ecoloxistas e organizacións de montes galegas”. Lembrou as críticas a unha norma que engadiría inseguridade xurídica, abriría a porta á degradación de bens ambientais, sen esquecer que vulnera competencias autonómicas claras”. Alexandra

Fernández cualificou a lei de Montes do PP de “innecesaria e que só pode entenderse baixo un afán de reducir a eficacia e as garantías medioambientais en relación á protección do medio ambiente”.

A deputada subliñou que non existía demanda “nin política nin social para cambiar a Lei de Montes, unha lei que non supuxo unha mellora na xestión forestal integral, invade competencias co único propósito de recentralizar e resta responsabilidades aos axentes forestais para investigar delitos ecolóxicos”.  

O PP ABRIU A PORTA Á ARBITRARIEDADE E Á DESPROTECIÓN

A deputada de En Marea detívose no obxecto da súa proposición e lembrou que en xuño de 2015, pola porta de atrás, o PP introducía no trámite da lei no Senado un dos cambios máis cuestionados: o relativo ao uso da superficie queimada. “Causou un grande malestar a modificación realizada polo PP a última hora cambiando o contemplado na lexislación anterior, moito máis garantista posto que pechaba a posibilidade a construir nun terreo calcinado antes dos 30 anos. O PP introduciu o artigo 50.1, que abriu a posibilidade a que se permita a construción nunha superficie forestal queimada antes dos 30 anos cando “concorran razóns de interese público de primeira orde”.

Alexandra Fernández tildou a modificación do PP na norma de Montes de “ambigüa, inconcreta, e indeterminada. Non concreta en ningún momento cais zona as razóns “imperiosas de interese público de primeira orde”, o que sen lugar a dúbidas abre a porta á arbitrariedade, á desprotección medioambiental e incluso a favorecer incendios intencionados”. Advertiu a deputada de En Marea que “a práctica demostrounos que se teñen declarado de interese xeral proxectos como macrourbanizacións ou estacións de esquí e que se especulou co terreo forestal”. Salientou que unha das críticas das organización ecoloxistas é que esta reforma constituía un avanzo cara a desregulación e a desprotección.

LEI DO 2006

A parlamentar de En Marea tamén quixo explicitar unha “severa crítica á lei de Montes do PP pola vulneración de competencias autonómicas”. “Este artigo é absolutamente innecesario, a non ser que se procure intencionadamente unha lexislación máis flexíbel que permita algún resquicio para a práctica especulativa urbanística”. Reprochou ao PP que en xullo de 2015, cando se aprobou a lei, afirmasen que o “único que facían era incluir unha nova excepción pero que a norma mantén a prohibición de construir nun terreo queimado durante 30 anos”.

Censurou ao PP por ter feito unha modificación que “carece de lóxica cando a lei anterior, a de 2006 xa incluía unha cláusula que contemplaba esta prevención. De feito, recollíase que un incendio intencionado non puidese frear un proxecto pero esa actuación debía estar aprobada antes do incendio”, polo tanto, preguntouse, “para que modificar unha norma que estaba ben? Para poder xogar coa ambigüedade?, ámbito ao que soe abonarse o PP, sobre todo cando detecta posibilidades urbanísticas”.

VAGA DE LUMES

Puxo de manifesto que desde En Marea “defendemos os máximos níveis de protección medioambientais, preferimos leis máis garantistas e que non permitan resquicios á desregulación”. Criticou Alexandra Fernández a Lei de Montes de Rajoy por supor “unha regresión en toda regla na normativa forestal, nas funcións dos axentes forestais e nas competencias autonómicas”. O desexábel, explicitou, sería derogar a lei de 2015 e apostar por unha política de montes volcada na protección medioambiental, que fixe poboación no rural, cree emprego, xere riqueza e evite os incendios forestais”.

A deputada de En Marea lembrou a  terríbel vaga de lumes acontecida en Galiza este verán. “En tan só unha semana de primeiros de agosto, arderon 7.000 hectáreas após de se declararen 200 incendios forestais, segundo dados da propia Xunta. No que vai de ano arderon en Galiza máis de 9.000 hectáreas, delas 4.000 na provincia de Pontevedra. Neste sentido, Alexandra Fernández demandou un exercicio de reflexión para que “as desoladoras imaxes do lume calcinando grandes áreas de monte galego sirvan para concienciar da necesidade de contar con lexislacións que teñan as cotas máis altas de protección medioambiental para os nosos montes, se incentive unha política forestal de prevención dos lumes, se impulsen políticas de protección da biodiversidade e de creación de riqueza no rural”.

A proposición non de lei de En Marea aprobada hoxe na Comisión de Agricultura do Congreso insta ao Goberno a modificar o artigo 50.1 da Lei de Montes de 2015, de xeito que se estabeleza a prohibición expresa de cambiar de uso o solo calcinado nun periodo de 30 anos posterior a un incendio forestal, retornando así á lexislación anterior.


En Marea /