EU denuncia que a deixadez do goberno do PP compromete os Fondos Europeos ao incumprir en Compostela, Vigo e Ribeira a Normativa Europea de tratamento de residuos
O Estado español e diversas comunidades autónomas, entre elas Galicia, xóganse percibir decenas de millóns de euros en axudas da Unión Europea para pór en marcha plans de acción para a xestión de residuos. A Comisión Europea advertiu desta situación hai tempo ao Goberno do PP e, até agora, non se coñece que foi o que fixo en concreto para evitalo.
A Comisión Europea remitiu un último escrito ás autoridades españolas o pasado 29 de agosto no que fai referencia ás condicións esixidas no tocante á xestión de residuos e advirte de que as condicións incumpridas sobre esta xestión deberán cumprirse antes do 31 de decembro de 2016. O feito de non facelo podería dar lugar á suspensión dos pagos intermedios para os programas e as prioridades de que se trate.
Ante o aviso e incumprimento por parte do goberno do PP, en Galicia vense por exemplo afectadas as plantas de Vigo, Compostela e Ribeira-Aguiño, esta última en fase de construción.
Esquerda Unida vén denunciando dende hai anos o que considera unha emerxencia medioambiental e de saúde pública. Segundo explica o secretario de Organización de EU, Rubén Pérez, “a construción dunha EDAR en Compostela é unha prioridade que vimos reivindicando nos orzamentos estatais, esixindo dotación económica para a súa contrución, xa que a depuradora actual non ten capacidade suficiente para depurar as augas que recibe”.
A mesma situación acontece con Vigo, afirma Rubén Pérez, “unha depuradora de máis de 190 millons de euros como é a situada en Coruxo (construída con fondos estatais e europeos) non vai solucionar os problemas da depuración ao conter un emisario submarino que verterá a auga tratada no medio da ría. Ademais disto, a depuradora non recibe separadamente as augas pluviais e residuais o que pode xenerar un mal funcionamento da pranta o que provocaría problemas á veciñanza de Coruxo dada a proximidade desta á zona residencial”.
Dende Esquerda Unida denunciamos a deixadez do goberno do Estado e da inacción do goberno do PP en Galicia á hora esixir a dotación de medios necesarios para facer efectivo o tratamento de residuos e a evitar a consecuente contaminación que esto provoca. Esiximos, polo tanto, que o goberno dea cumprimento e dote dos medios necesarios para dar resposta ás esixencias da Unión Europea nesta materia.