Redacción •  Galicia •  20/05/2020

EU esixe garantías para que as persoas residentes ausentes poidan exercer o dereito a voto nas eleccións do 12 de xullo

Ante a decisión unilateral de Núñez Feijóo de convocatoria electoral de eleccións autonómicas en Galicia, Esquerda Unida considera que non se cumpren os dereitos democráticos de todas as galegas e galegos con dereito a voto e que residen no exterior.

EU esixe garantías para que as persoas residentes ausentes poidan exercer o dereito a voto nas eleccións do 12 de xullo

Desde a reforma electoral de 2011 coa implantación do voto rogado, demostrouse convocatoria tras convocatoria que este sistema de petición de voto limita e priva de dereitos democráticos ás peroas residentes ausentes que están espalladas por todo o mundo e que en Galicia representan máis dun 17% do censo total, o que supón case medio millón de persoas.

“Nunha situación marcada pola pandemia da Covid-19, onde o confinamento da poboación é unha medida de prevención mundial, e onde cada país tivo unha incidencia de infección diferente, nos preguntamos que garantías ten previstas o presidente Feijóo para garantir que ese medio millón de persoas emigradas en Galicia poidan exercer o seu dereito a voto”  di Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida.

Esquerda Unida considera que o presidente da Xunta, tomou unha decisión de convocatoria electoral marcada polos seus intereses partidistas sen ter en conta a situación das galegas e galegos e sen importarlle a situación dos residentes ausentes para poder acceder ao voto.

“Como vai garantir Feijóo o acceso das galegas e galegos aos consulados, por exemplo de Brasil que ten unha porcentaxe de mortes e contaxios polo Covid19 elevadísima e que supón o segundo país con máis residentes galegos despois de Arxentina?” 

Como se van desprazar os votantes aos seus consulados para rogar o voto, cando tan sequera poden saír das súas casas, para cruzar en moitos casos centos de quilómetros en situación de pandemia.

Desde Esquerda Unida demandamos que tendo en conta a privación de dereito ao sufraxio que supón esta convocatoria electoral de Feijóo, que actúe en consecuencia e se habiliten os medios necesarios para garantir o dereito a voto a todas as galegas e galegos inscritos no Censo de Residentes Ausentes (CERA).


Esquerda Unida /