En Marea pide ao conselleiro de Educación que deixe de facer “seguidismo total e acrítico” das instrucións que lle chegan desde Madrid
A deputada de En Marea, Luca Chao, lamentou que na súa intervención Román Rodríguez non falara das preocupacións reais da comunidade educativa.
A deputada de En Marea no Parlamento acusou ao conselleiro de “facer seguidismo total e acrítico” o que trae como consecuencia que o “único que fai é agardar instrucións de Madrid” tras escoitar a súa intervención na comparecencia a petición propia no pleno do Parlamento. “Rectificar é de sabios, pero algunhas veces, ter criterio, non sería mala cousa. Señor Román, como delegado do goberno en ensino vostede non ten prezo, o problema é que é conselleiro” afirmou Luca Chao.
En resposta á intervención do conselleiro, a deputada de En Marea referiuse ao fracaso escolar, “do que tanto saca peito” o Goberno galego, salientando que a diminución rexistrada non é pola xestión da Xunta senón por unha banda porque o mercado laboral deixou de ter un efecto chamada importante para a mocidade maior de 16 anos. E por outra banda, porque se está a facer “unha lectura trampa” xa que a FP básica é unha das grandes trampas do sistema educativo que para o único que serve é para aliviar as estatísticas educativas, disfrazando o fracaso escolar como formación cando, en realidade, non teñen máis que falar co profesorado, para aceptar que o que están conseguindo é levantar guetos educativos de mozos e mozas con dificultades, que non abandonan os centros pero, de facto, están totalmente fóra do sistema.
Luca Chao lamentou que o conselleiro de Educación, Román Rodríguez non aproveitara a súa comparecencia para dar conta sobre as cuestións que preocupan a comunidade educativa. Así referiuse por exemplo á cuestión do ensino de Filosofía a punto de desaparecer do segundo curso de Bacharelato, reducida a unha materia optativa so para os de Humanidades, sen ponderación na maioría das carreiras ou graos, o que vai implicar que a súa matrícula baixe aínda máis. Fronte a isto, En Marea considera que ten que ser unha materia común e troncal para todas xa que trata “dunha materia que forma cidadanía crítica e responsable, coñecedora dos principios democráticos elementais e do seu lugar na sociedade, e ademais está máis alá de ideoloxías se tanto medo lles da que a xente pense”. “Coma conselleiro debería verse irremediablemente implicado en reverter esta situación que é lesiva para o proceso educativo en Galicia como xa fixeron noutras comunidades” sinalou a deputada de En Marea.
As reválidas foron outro dos temas destacados na súa intervención lamentando que o conselleiro non aclarase se o PP prefería “estas reválidas de cara lavada ou as previas”. Chao pediu tamén ao responsable de Educación datos concretos sobre o número de nenos e nenas que participaron nestas probas, cal foi a taxa de absentismo, a súa diferenciación entre centros públicos e privado-concertados ou se van elaborar algún informe coas celebradas o ano anterior ou “simplemente teimaron na realización das probas para gardalas nun caixón”. Luca Chao salientou así mesmo, que mentres que a consellería continúa a dicir que non teñen efectos académicos, o Decreto de avaliación de primaria e o seu artigo 6.2 sobre a promoción de curso, diga «Os informes das avaliacións individualizadas de terceiro curso de educación primaria e de final de educación primaria teranse en conta». Porque se é que non explíquenos, por favor, por que este artigo sigue vixente?” preguntou a deputada de En Marea que engadiu que “se o que se pretende coas reválidas é precisamente detectar estas necesidades, non fai falla tanta parafernalia, pompa e gasto de recursos humanos, materiais e tempo, con escoitar aos profesionais do sistema educativo, ao alumnado e ás familias, mesmo escoitar á oposición, que algunha vez trae algunha proposta interesante, e non vai ser que por estar despistado a pase por alto”. Aínda que o grupo de En Marea considera que o verdadeiro obxectivo destas probas é afondar nun sistema de elites no ensino, presentou unha serie de medidas básicas de probada efectividade para mellorar o sistema educativo como:
- Aumentar o orzamento para recuperar o nivel orzamentario de, cando menos, 2008.
- Aumentar o profesorado de apoio para garantir máis recursos a quen máis precisa.
- Reducir a carga horaria do persoal docente para avanzar nunha atención máis personalizada
- Reducir as ratios de alumnado e por suposto, contar para as ratios ao alumnado repetidor. Cousa que a día de hoxe, como sabe, non se fai, e que resulta mírese como se mire, incomprensible.
- Recuperar o investimento na atención á diversidade como un dos eixos fundamentais para un ensino público de calidade, conforme aos criterios de igualdade, equidade e xustiza social, corrixindo a fonda desigualdade social que está a vivir Galicia.
No relativo aos centros educativos no rural a deputada de En Marea denunciou o continuo peche de aulas o que supón a perda dun servizo básico fundamental e espazos necesarios de socialización para os pequenos e pequenas, que son o preludio do abandono dos pobos e aldeas do noso país. Neste sentido, defendeu a necesidade de actuar de xeito urxente. Luca Chao lamentou tamén que o Conselleiro nada dixera do peche de case 370 unidades no sistema público educativo mentres se abriron 222 entre a privada e a concertada. “A pregunta sería, van seguir privatizando e facendo negocio cos nosos dereitos? A xulgar polo seu silencio, semella que si” declarou a deputada de En Marea. Neste sentido, acusou ao Goberno galego de ser “unha das poucas comunidades que non cuestionou a elitista, confesional, centralizadora e privatizadora da mal chamada lei de mellora da calidade educativa que mesmo outros gobernos do PP teñen cuestionado”.
A recuperación dos dereitos laborais do profesorado, e da reversión de todos os recortes educativos foi outro dos temas obviados na comparecencia do conselleiro ao que Luca Chao reclamou coherencia xa que “se insisten no discurso da recuperación é a hora de que reverta sobre os e as profesionais que estiveron sustentando o sistema educativo nestes anos de estreiteces”. “Por mor da súa política austericida hoxe temos uns 1200 docentes menos que antes da crise. 1200 docentes menos para atender ás nosas nenas e nenos, 1200 docentes menos para traballar no futuro de Galicia” lembrou.
Na súa comparecencia, o conselleiro de Educación tampouco tivo espazo para presentar unha aposta ambiciosa por un ensino en igualdade respecto ao que a deputada de En Marea declarou “non se pode dicir que se aposta por un ensino igualitario mentres se financia con diñeiro público a centros que segregan, non se pode consentir que se financie con diñeiro público a centros que levan aos nenos ao Bernabeu mentres ofertan aulas de gancho para as nenas”. “Iso señor Román, non é educación, pero dende logo, tampouco é igualdade” concluíu.
A “autosatisfacción” da intervención do responsable de Educación da Xunta só pode responder a dúas cousas para En Marea, ou ben que descoñece os datos reais do panorama educativo, cultural e lingüístico do pais, ou que os coñece e está satisfeito xa que cumpriu o obxectivo real que non é outro que menoscabar o público, degradando a súa consideración. “Posto que o final de curso é un bo momento para os bos propósitos de emenda, permítanos unha suxestión señor Román, para o curso vindeiro sexa vostede ambicioso. Ten nas súas mans un servizo fundamental para o benestar da cidadanía. Pero ten tamén nas mans unha ferramenta de cambio social e emancipación da cidadanía, como é a educación. Educación, en maiúsculas, para a formación de cidadáns e cidadás libres, non soamente instrución” concluíu Luca Chao.