Redacción •  Galicia •  20/06/2019

Alertan de que a patronal eólica e o PP pretenden triplicar a potencia total instalada en Galicia

O deputado Antón Sánchez advirte de que a instalación sen control de parques eólicos está a supoñer un verdadeiro "espolio" que se leva a cabo de maneira sistemática "e que supón un desprezo" polos recursos da xente do común para favorecer intereses privados. 

Alertan de que a patronal eólica e o PP pretenden triplicar a potencia total instalada en Galicia

Para o vicevoceiro de en Marea e portavoz nacional de Anova a situación do sector eólico é sintomática de todo o tecido industrial en Galicia, «onde o Goberno pon por diante os intereses das empresas aos da xente».

O deputado, que volverá a denunciar esta situación no próximo pleno do Parlamento galego, afirma que a política industrial desenvolvida polo PP de Núñez Feijóo «non está revertendo na mellora da economía da xente» e que o que acontece no sector eólico pódese tomar «como exemplo» de outros sectores industrias, dado que algúns estudos sinalan que menos do 3% dos beneficios quedan en Galicia, sendo deste xeito un negocio que favorece ás grandes empresas enerxéticas e aos fondos voitre.

«Xa sufirmos o expolio do lignito, da ocupación dos ríos e agora do vento e sempre co mesmo sistema: favorecendo ás empresas, prexudicando ao medio natural e deixando á xente coa factura da luz máis cara» -denunciou Sánchez-, alertando ademáis que tanto a patronal eólica coma o PP na Xunta xa anunciaron as súas intencións de triplicar a potencia eólica en Galicia, «o que significa triplicar o roubo dun sector que podería servir para mellorar as rendas da xente».

A ENERXÍA EÓLICA EN GALICIA: UNHA ESTAFA SEN RETORNO SOCIAL 

Xa o ano pasado, Antón Sánchez denunciara a «estafa xeralizada» que o Partido Popular está a permitir no caso galego no referente á enerxía eólica, que os proxectos «non se poden instalar en todos os sitios» e que neste sentido é fundamental a aprobación das Directrices da Paisaxe de Galicia porque «o debate debería ser eólico para quen e como», sempre tendo presentes as consecuencias a nivel paisaxístico, patrimonial e medioambiental de cada instalación.

O deputado considera que a enerxía eólica debería orientarse a producir un desenvolvemento con retorno social, xusto ao contrario do que ven facendo o PP «que está a pasar por enriba» da vontade da veciñanza ao declarar de interese público toda unha serie de proxectos eólicos que «non está a deixar beneficios pero sí impactos» roubando recursos e territorio en detrimento do ben común. 


Alberto Núñez Feijóo /  Anova /  Antón Sánchez /  En Marea /  Partido Popular /  PP /  Xunta de Galicia /