Esquerda Unida considera o catálogo da Xunta para o curso 2016-17 un novo golpe ao ensino público galego
O vindeiro curso a Xunta pechará 13 escolas, 60 unidades e eliminará 102 postos docentes.
Trala a análise do catálogo publicado pola Consellería de Educación o venres 15 de xullo a Área de Educación de Esquerda Unida denuncia que o mesmo supón un novo paso da Xunta no proceso de desmantelamento, precarización e merma da calidade do sistema educativo galego.
Peches de centros, unidades e destrución de emprego
A Área de Educación de EU denuncia que os catálogos do vindeiro curso escolar supoñen afondar no desmantelamento do ensino público galego ao supoñer o peche de 13 escolas (8 na Coruña, 4 en Pontevedra 1 en Lugo); a eliminación de 60 unidades (34 de EP e 26 de EI; 24 en Pontevedra, 22 en Coruña; 7 en Lugo e 7 en Ourense). Todo isto supón a destrución de 102 prazas de profesorado (48 na Coruña, 36 en Pon tevedra, 10 en Lugo e 8 en Ourense)
Novo golpe á atención á diversidade
Dende EU sinálase así mesmo que a atención ás necesidades educativas especiais continúa a ser o ámbito da educación máis golpeado polo goberno Feijoo, ao corresponder ao mesmo un 25% das prazas de profesor eliminaadas: 5 de pedagoxía terapéutica, 1 de audición e linguaxe e 19 de orientación.
Deste xeito o goberno Feijoo profundiza na conculcación do dereito constitucional a unha educación de calidade e en igualdade de condicións, e ataca un dos elementos básicos para a redución do fracaso escolar: a labor de orientación e atención ás necesidades especiais.
Falsidade dos criterios economicistas e orientación fortemente ideolóxica.
O balance para o sistema educativo público galego de oito anos de goberno Feijoo resulta para a Área e Educación de EU espeluznante: peche de 116 escolas e 592 unidades.
EU denuncia a falsidade dos posibles criterios economicistas esgrimidos pola Xunta na organización do gasto educativo e a sucesión de recortes. Os mesmos véñense abaixo cunha mínima análise da traxectoria orzamentaria da conselleria nos últimos exercicios: se ben a matrícula na educación privada concertada decreceu dende a crise (por ser moito máis cara para as e os usuarios) a Xunta mantivo os orzamentos para a mesma, así coma o número de concertos e unidades (que mesmo se incrementaron no curso 2015/16). Resulta chamativo, así mesmo, que os severos recortes sufridos polas distintas partidas da consellería nos últimos exercicios, non afectasen os recursos destinados á Relixión, materia que en 10 anos perdeu un 40% do alumnado.
Chamamento á comunidade educativa galega
EU reitera o seu chamamento ao conxunto da comunidade educativa galega a seguir loitando, como fixo ao longo destes oito anos, contra a política educativa do PP profundamente antisocial e antidemocrática e que ten a súa máxima expresión na LOMCE, no decreto 3+2 e na continua sucesión de recortes no ensino público.