En Marea pregúntalle á Xunta polos colapsos de verán no Parque Nacional das Illas Atlánticas
O deputado de En Marea Marcos Cal preguntou esta semana na Comisión Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos polas medidas que ten previsto realizar a Xunta para evitar no futuro que se repitan as situacións de colapso sufridas durante estes mes de agosto no parque nacional das Illas Atlánticas.

Ademais, En Marea interesouse polos motivos polos non se realizaron labores de control e inspección previas que evitasen esta situación. “Gustaríanos saber que fixo o PP durante os últimos 8 anos para poñer dacordo os axentes implicados para protexer os parques naturais”, preguntou Cal. “Se esta é a conservación do que se supón que é o baluarte da Xunta en materia de medio ambiente, non queremos imaxinar como fará co resto de territorio a protexer no país”.
“A xestión de todo o que ten a ver co Parque nacional das Illas Atlánticas está a ser un auténtico despropósito”, sinalou Marcos Cal, que considera “lamentable que se estivese poñendo en perigo a seguridade das persoas que visitaron as illas ”. Ademais “a falta de xestión contra os lumes evidenciada no incendio que afectou a Illa de Cortegada no 2016 e a actual situación de colapso por exceso de visitantes nas illas Cíes, demostran a necesidade de elaborar con rigor e seriedade o Plan reitor de usos que permita acabar co actual descontrol que sufre o Parque nacional”.
Pola súa banda a directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, recoñeceu que Parque Nacional das Illas Altánticas é o espazo máis delicado a día de hoxe de todos os espazos protexidos de Galicia e derivou a culpabilidade ás navieiras acúsandoas de “pillería e irresponsabilidade” para evadir os códigos QR da central de reservas.
Marcos Cal cualificou de preocupante que as navieras poidan facer “pillerías” e a administración lles impoña sancións tan benévolas que “recuperan ese diñeiro en só dous días de traballo”. “Todos vimos as imaxes dantescas de motíns nos barcos e foi evidente que os problemas de seguridade para os usuarios si que os houbo”, concluíu Cal.