Creative Commons •  Redacción •  Galicia •  20/10/2019

Amigos da Terra asina un convenio de colaboración con Nosa Enerxía

Nosa Enerxía e Amigos da Terra, dentro da súa vontade de camiñar cara un novo modelo enerxético sostible baseado no uso de enerxía renovable, respectuoso co medio ambiente e que contribúa a afianzar a democracia e a soberanía enerxética da cidadanía, veñen de asinar un convenio que ten dous obxectivos fundamentais:

Amigos da Terra asina un convenio de colaboración con Nosa Enerxía
1.- Impulsar e animar á masa social de Amigos da Terra a apostar por un modelo de consumo enerxético máis sostible e coherente como é o que representa o cooperativismo de Nosa Enerxía S. Coop. Galega.
 
2.- Apoiar actividades e proxectos de Amigos da Terra desde a área de Acción Social e Verde de Nosa Enerxía S.Coop. Galega.
 
Este apoio se traduce en que por cada persoa socia de Amigos da Terra que se faga socia consumidora (ou sexa apadriñada) de Nosa Enerxía, a coop. destinará unha porcentaxe do beneficio da factura anual do consumo da luz para Amigos da Terra.
 
Amigos da Terra pode destinar esta cantidade a proxectos propios ou a proxectos de Nosa Enerxía con retorno do investimento (proxectos de xeración,mobilidade,…).
 
As vantaxes de asociarse a Nosa Enerxía para unha persoa socia de Amigas da Terra son moitas e coherentes coa traxectoria e intereses da organización:
 
-Ser coopropietaria da súa propia compañía enerxética.
 
-Poder consumir enerxía eléctrica de orixe renovable certificada, a un prezo xusto e sustentable.
 
-Ter acceso aos bens e servizos que oferte a cooperativa (xeración,mobilidade,…).
 
-Colaborar nun proxecto de propiedade colectiva e de xestión democrática da enerxía.
 
-Dedicir que proxectos de xeración de enerxía renovable se poñen en marcha.
 
-Apoiar un modelo de xestión que defende o desenvolvemento sostible e apoia os principios da economía social.
 
-Apoiar dun xeito práctico e con feitos a defensa da natureza, a protección do medio ambiente e a realización de actividades de carácter social e solidario.
 
-Fortalecer o tecido autóctono de enerxías renovables, xerando emprego e desenvolvemento.
 
Unha persoa socia pode “apadriñar” a outra persoa para que poida consumir luz coa cooperativa sen necesidade de ser socia.
 

Amigos da Terra /