Esquerda Unida esixe a retirada de fondos públicos e o peche do Servizo de Apoio Familiar Integral e Multidisciplinar (SAFIM)
Dende EU reiteramos que este centro é unha tapadeira para intentar introducir a figura de ‘coordinador parental’ que, nos casos de divorcio conflitivo, é contrario ao benestar das e dos menores.
Compostela, 21 de xaneiro de 2020. Dende Esquerda Unida esiximos de novo a retirada de fondos e o peche do centro de Servizo de Atención a Familias en Situación de Divorcio ou Separación, creado pola Asociación de Pais e Nais Divorciados de Galicia e que intenta colar a un servizo de coordinación parental que pode ir contra o benestar das e dos menores.
Segundo lembra a responsable da Área de Muller de Esquerda Unida, Raquel Bernárdez, “os datos do CIS sinalan que o 65% da violencia machista non se denuncia e que, moitas veces, hai divorcios nos que se dan situacións de violencia. Se esta figura aparece como ‘mediadora dun divorcio’ (que pode ser conflitivo), a situación non se vai abordar adecuadamente e iso irá en contra do benestar das e dos menores”.
Neste punto é importante “escoitar a voz das e dos menores que poden ser vítimas desta violencia non denunciada. En Galicia unha trintena de asociacións, colexios profesionais, sindicatos e partidos que estamos en contra da implantación desta figura e esiximos a súa retirada”, completa Raquel Bernárdez.
Por último, dende Esquerda Unida esiximos máis recursos e medios para por en marcha programas de loita contra violencia de xénero e que incidan na protección das e dos menores, tamén no relativo á situación de violencia vicaria á que poden estar sometidos.