Amigos da Terra reclama unha acción climática contundente coas persoas e o planeta no centro
No Día da Terra, 22 de abril, Amigos da Terra reclama ao Goberno que estea á altura da crise climática actual que enfronta a humanidade. A necesidade de priorizar a urxencia sanitaria que se está vivindo non pode ser unha escusa para deixar de tomar as medidas indispensables para unha transición ecolóxica xusta, que non só servirá para facer fronte á crise ambiental, senón tamén ás crises sociais e sanitarias.
A pandemia enmárcase nun contexto de deterioro ambiental e social ocasionado por un modelo de produción e consumo que non ten en conta os límites planetarios, o mesmo modelo económico que á súa vez é causa da COVID-19. En consecuencia, a asociación ecoloxista destaca que as medidas para facer fronte a estas crises deben basearse en criterios de xustiza social e ecolóxica.
A situación actual é unha clara demostración da necesidade local e global de dar un xiro de 180º ao sistema económico imposto. O cambio climático segue o seu curso e a sociedade segue inmersa nunha urxencia climática sen precedentes, un contexto que ningún goberno pode obviar. A pesar do atraso que sufriu a próxima cita climática mundial, a COP26 en Glasgow, as decisións a adoptar deben ser urxentes e contundentes, máis aínda trala evidencia do grave impacto que teñen na poboación as crises ocasionadas por un modelo económico que deixa de lado ás persoas.
A acción climática debe ser conxunta e sempre poñendo o foco nos colectivos máis vulnerables. Por todo iso, Amigos da Terra como parte da Alianza polo clima, xunto a Fridays for Future e 2020 Rebelión polo Clima, convoca á cidadanía a unha acción global polo clima o vindeiro venres 24 de abril ás 22:00h., co obxectivo de reclamar unha saída desta crise con políticas que poñan no centro o medio ambiente e ás persoas con criterios de xustiza social.
Ante a crise sanitaria, os gobernos de todo o mundo están demostrando que son capaces de escoitar á ciencia e actuar de forma coherente coas necesidades da poboación ante situacións extremas. Por este motivo desde Amigos da Terra non van aceptar ningunha escusa para ralentizar a loita climática, unha loita que debe ter como eixe criterios de xustiza climática, e esixe que escoiten á cidadanía e á ciencia.
A redución drástica de emisións é indispensable para transitar cara a un modelo onde as crise social, ambiental e sanitaria, poidan superarse. É o momento de que a clase política e empresarial demostren o seu compromiso para poñer en marcha as políticas necesarias que fagan fronte ao aumento de temperatura.
Si non se eleva a urxencia climática a todo o Estado español e o resto do mundo, volverase a caer nos erros xa cometidos na crise de 2008. O recoñecemento público da grave situación na que se atopa o planeta, os seres vivos e ecosistemas, tal e como evidencia a comunidade científica a través de informes sobre o estado da biodiversidade do IPBES e sobre o quecemento global de 1,5ºC do IPCC, é básico para saír das crises actuais e encamiñarnos cara a unha transición ecolóxica capaz de facer fronte ás situacións extremas que se están vivindo e viviremos.
Para este fin esixen ao Estado Español a descarbonización total da economía para 2040; aumentar a redución de emisións de CO2 do 23% actual ao 55% para o 2030 respecto de 1990; acabar cos subsidios, exencións fiscais e outros beneficios dos combustibles fósiles, así como incorporar medidas de redución de emisións que aborden sectores como o transporte, a gandería e sectores industriais.