Redacción •  Galicia •  21/11/2016

Yolanda Díaz e José Gusmão aportan luz sobre as medidas da esquerda que a Troika e os poderes financieiros queren ocultar

Yolanda Díaz, coordinadora de Esquerda Unida e deputada de En Marea, xunto con José Gusmão, economista e membro da mesa de negociación do Bloco para o pacto de esquerdas, debateron esta mañá en Madrid, nun acto organizado por Izquierda Unida, sobre os avances sociais conseguidos no país veciño, facendo unha comparativa coa situación política española e galega.

Yolanda Díaz e José Gusmão aportan luz sobre as medidas da esquerda que a Troika e os poderes financieiros queren ocultar

O coloquio “Que pasa en Portugal?: O acordo de goberno do que ninguén fala” foi organizado pola Fundación pola Europa dos Cidadáns (FEC) e presentado por Marga Ferré, a responsable da entidade e membro da dirección de Izquierda Unida, quen denunciou o silencio que hai en España respecto ao goberno progresista de Portugal e as medidas que acadaron traballando conxuntamente entre o Partido Socialista, o Partido Comunista e o Bloco de Esquerda.

José Gusmão, economista e membro da mesa de negociación do Bloco para o pacto de esquerdas, explicou que, “fronte ás negociacións políticas, todos os partidos da esquerda foron moi solidarios”. “En Portugal, a esquerda tivo unha actitude solidaria e enfocou as negociacións cos partidos de maneira que todos eles tiveran o mesmo enfoque de acción, neste caso, que lograran acabar cos recortes nos salarios e nas pensións, que devolveran os dereitos perdidos e que se repuxera a vivenda pública”.

“Neste eido social, destacamos medidas como a aprobación e a aplicación da xornada de 35 horas, o imposto sobre o bens de luxo e o patrimonio ou a derrogación dos concertos educativos. Fixemos un aumento do salario mínimo e do emprego: agora temos máis empregos que nunca e, neste ano, integraremos a máis de 100.000 traballadores precarios”, incidiu. En palabras de Gusmão, “este modelo que implantamos non pode perder forza: e sabemos que non o fará se hai xente na rúa demandando o cambio”, resumiu.

Pola súa banda, Yolanda Díaz recoñeceu que “as políticas que se seguiron en Portugal e en España ata ben pouco eran as mesmas, realidades comúns, como a entrada na Unión Europea ou a crise financeira e que foi convertida nunha crise de civilización. É por iso que Portugal nos indica un camiño necesario que a dereita española nega e non quere albiscar”.

“Ambos países fomos vítimas das políticas europeas que tanto coñecen, baseadas en que ordenen os que non se presentan ás eleccións. Para a Troika e os mercado,  Portugal é un exemplo do que non pode repetirse noutro país da UE”, dixo. Pola nosa banda, “tamén vivimos en carne propia o exemplo portugués: eles sabían que tiñamos un programa de mínimos para defender á nosa xente, polo que no 20D e o 26J, por primeira vez, a esquerda cuestionou o capitalismo. Sen embargo, no 20D, o PSOE actuou como réxime para impedir o acordo progresista con IU, Podemos e as confluencias. Agora, o pacto PP e Ciudadanos contempla medidas que sempre quixo a patronal e o PP nunca se atreveu a pór sobre a mesa”, explicou.

Agora, “nós seguiremos defendendo á nosa xente e enfrontándonos aos que mandan. É o noso deber ético. Son unha muller optimisma, xa que sei que os pobos e as xentes loitan cando sofren. Sei que, na actualidade, hai xentes na esquerda que se preguntan, ante o éxito de Trump e o fascismo, que imos facer. Necesitamos moitos puntos de encontro, non ir aos máximos, senón aos mínimos que nos unen, necesitamos experiencia. Necesitamos seguir camiñando”, rematou Yolanda Díaz.


Esquerda Unida /