Concentración en defensa das pensións públicas
Do mesmo xeito que noutras localidades de Galiza as e os pensionistas estiveron en Vigo na defensa das pensións públicas na concentración ao pé do MARCO o 20 de decembro
A clase traballadora que tanto loitou polos dereitos máis básicos ten que voltar ás rúas agora, con idades avanzadas, para defender unha das súas conquistas: as pensións públicas.
As sucesivas reformas do PSOE e do PP veñen facendo que un dereito adquirido fai tempo vaia camiño de perderse: o dereito a ter unha pensión.
Hai que recordar, como fixeron na concentración, que non existen argumentos económicos para os sucesivos recortes: o PSOE chegou a conxelalas e as subidas do PP son moi inferiores ao IPC: un 0,25 % será o que teñen subido dende que Rajoy fixo a reforma e o que subirán nos vindeiros anos precisamente por esa reforma.
Por outra banda, as e os traballadores de hoxe non teñen garantida unha pensión acorde co que van a estar cotizando, o que pon en risco os últimos anos da vida, cando se debería poder disfrutar do traballado e cotizado.
Ao mesmo tempo que se minguan as pensións públicas, sexan ou non contributivas, dende fai anos véñense potenciando os plans privados de pensións, que os poden pagar só os que máis gañan, e que non sempre van a dar o rendemento esperado, pois en caso de crise, a banca sempre gaña.
Por eso o Movemento Galego Pola Defensa das Pensións Públicas vén facendo sucesivas mobilizacións, que se están a repetir no estado español.
É dunha tremenda inxustiza que, mentres hai cartos para rescatar as autopistas de peaxe e as desfeitas da banca, se argumenten falsas razóns económicas para seguir recortando non só a cuantía das pensións, senón o mesmo dereito a elas.
+FOTOS