O primeiro dos rexedores en intervir, o alcalde de Ferrol Jorge Suárez recoñeceu que despois dun ano difícil cun sistema que non favorece a súa xestión, en Ferrol deron resposta ao clamor do cambio de poder para reivindicar “a cidade que tanto lle deu ao Estado, tanto a Defensa como a Navantia”. E falou da necesidade de acabar do pesimismo que había, e tamén o sentimento de culpa que existía coma se foramos os responsables da crise en Ferrol. Recuperamos o sorriso como primeira labor. Renunciamos a coche oficial, grandes salarios…e centrámonos en dar solucións aos problemas da xente incrementando partidas para servizos sociais, recuperando os servizos privatizados onde perdiamos moitos cartos, cartos que puidemos destinar a servizos sociais. Por iso cómpre tamén reivindicar un sentimento de clase, de abaixo e a esquerda. Mudamos ordenanzas fiscais, o que máis ten máis tributa, destapamos a fraude millonaria na auga, recuperamos o servizo do lixo… Non obtivemos a vitoria aplastante que tivo Santiago ou A Coruña pero o noso resultado tamén foi histórico. Tivemos que chegar a un entendemento co PSOE que tivo as súas dificultades xa que pese a ter moito puntos en común, cando dúas forzas veñen de ámbitos tan diferentes as veces costa entenderse pero chegamos a un entendemento e pode servir a nosa experiencia como proba para tamén levalo ao Estado. A asfixia económica que sofre Ferrol, o abandono que sofre Ferrol en infraestruturas, o tren que une Ferrol e Coruña 50 quilómetros e tarda 1 hora e 20 minutos creo que define perfectamente o abandono que sofre por parte do Goberno estatal. O noso goberno fixo o que ningún goberno fixera durante anos que é reivindicar as necesidades de Ferrol. Onte unha veciña de Ferrol díxome : aprendiches a mirar aos ollos e sorrir. Pese a todos os ataques e as trincheiras seguiremos traballando así, porque a ilusión é cambiar o sistema e lograr o noso obxectivo.”
Pola súa banda o alcalde da Coruña Xulio Ferreiro comezou dicindo que “o municipalismo ten unha importancia capital na vida da xente e nas políticas que se fan para á xente. Non é o irmán pequeno de ninguén senón un lugar singular do cambio e defensa do común. E está a ser un lugar singular de innovación democrática. A través das políticas de participación, que non fixeron máis que comezar neste primeiro ano, A Coruña, Ferrol e Santiago son espazos conquistados para o cambio para á cidadanía, debémolos coidar para que non se dean pasos para atrás. En maio demostramos que era posible e tamén era necesario combinar a unidade dos partidos coa unidade da xente. Fixémolo con novas caras, metodoloxías novas, e cunha nova linguaxe, con ilusión. Atraemos esa maioría social atacada polo PP e os seus secuaces. Por iso estas políticas municipais teñen que servir de exemplo para un cambio social no Estado, no Congreso e no Senado. Por iso estamos aquí tamén como xa estivemos en decembro. A ilusión que espertamos en maio está agora refrendada con feitos. Con exemplos concretos que podemos ver nos distintos concellos, rendas sociais, laicidade nas institucións, incremento partidas servizos sociais, participación abrindo concellos á xente, transparencia, poñer servizos públicos ao servizo da cidadanía e non das empresas que queren sorber os servizos públicos sen importar a calidade… A realidade que anuncia En Marea é xa realidade en moitos concellos. As políticas que nos impiden levar adiante as políticas que queremos de servizo á xente seguen aí, cun marco lexislativo que seguindo mandatos de Merkel e UE cambiaron para facer unha trampa para vulnerar a autonomía local tamén contemplada na Constitución,algunhas delas foron declaradas inconstitucionais pero moitas outras seguen estando como a restrición da taxa de reposición non podemos decidir en que queremos gastar os orzamentos, non podemos contratar persoal municipal pero si privatizar para iso non hai límite. O servizo público baixo un carácter totalmente rendibilidade e non de repercusión social. Na remunicipalización dos servizos veremos como todas as barreiras terán que ser salvadas con creatividade técnica pero sería moito mellor contar coa colaboración do goberno do Estado e da Xunta, goberno valentes que saiban cales son as necesidades da xente e loitar conta as política agresoras coa xente.”
Finalmente Martiño Noriega, rexedor de Compostela, destacou a importancia de acadar un cambio no Estado “porque levamos a reforma das administracións locais ao lombo, condicionan o campo de xogo da administración, a toma de decisións, e isto ten que mudar coa fiestra que se vai abrir o domingo. Cando chegas aos concellos, as veces tes pouco marxe para explicar as resistencias, se estamos a dicir que a débeda pública disparouse por riba do 100 por cen, e alguén lle explicamos que o que aportan as administración a este endebedamento, a administración local apenas computou o 3%, ninguén entende porque sen embargo foi a máis afectada polos recortes e remataron coa autonomía local case na totalidade. Na maioría dos concellos que gobernamos había un ERE encuberto, unha situación desesperada en persoal nos concellos. A taxa de reposición impide ofrecer un servizo con dignidade, algúns servizos con reducións que os levaron case a desaparición. Cando falamos do peso que levamos enriba das costas falamos do teito de gasto, que da igual o ben que xestiones e o ben que o fagas, da igual que cumpras que te impiden gastar máis. Non tes capacidade para ter orzamentos expansivos porque un señor como Montoro decidiu que os concellos non ian ser premiados pola boa xestión senón que ían pagar xustos por pecadores. Estamos a falar de plans de pagos aos proveedores nos que se obrigou aos concellos a contratar liñas de crédito para inxectar fondos públicos na propia banca. E por iso que en parte estamos por vocación e por egoísmo, porque formamos parte dun proceso en construción, pero tamén porque o noso día a día necesitamos un cambio de marco legal que permita a gobernabilidade dos concellos. Queremos que se recupere a autono´mía local para poñela ao servizo da xente. Pero precisamos a remuda do marco local.”
Pechou a cabeza de lista por Pontevedra, Alexandra Fernández, que agradeceu o camiño aberto polas mareas municipalistas e o traballdo desenvolvido este ano polos tres rexedores “que non serven de exemplo e demostran a importancia que ten na nova política a colaboración entre institucións e, sobre todo, que aínda que sexamos diferentes, as nosas diferencias teñen que servir para enriquecer o proxecto e facer máis rico o espazo compartido”.