A CIG amosa a preocupación polo paquete de reformas que traerá o plan de recuperación da UE
Rexeita que o acceso ás axudas estea condicionado a novos recortes no mercado laboral e no sistema de pensións ou á suba dos impostos indirectos
Fronte á euforia xeneralizada, a CIG amosa a súa preocupación polas condicións que se imporán ao Estado español para acceder ás subvencións e préstamos do fondo de recuperación da UE, atendendo ao historial de reformas e mal chamadas reconversións ditadas dende Bruxelas que se teñen convertido nunha auténtica ruína para o noso país. «Moito tememos estar ante un novo plan de rescate na liña do aplicado na crise financeira de 2008 e que se nos impoñan políticas máis agresivas para as condicións laborais e de vida, se afonde na privatizacións de servizos públicos e na política fiscal indirecta cando aínda están vixentes as reformas e recortes emanados dese rescate».
Pendentes de coñecer con detalle os termos pactados, e atendendo a que se reduciu o importe total das transferencias, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, subliña que este plan responde a unha lóxica dentro da aplicación das normas europeas «que é a que xa nos estaba levando ao desastre nos últimos anos». Chama a atención sobre o feito de que anuncio do acordo coincide coa publicación da enquisa de condicións de vida do INE que revelan uns índices alarmantes de pobreza, exclusión e desigualdade.
Neste senso, salienta que resulta imprescindíbel coñecer o paquete de reformas que carrexa acceder a estes fondos xa que «previsibelmente significará máis recortes de dereitos, de gasto na política social e novas reformas para precarizar e empobrecer a clase traballadora». Este plan de recuperación, engade, non pode ser a coartada para manter vixente a reforma laboral, para avanzar no desmantelamento e na privatización do sistema público de pensións e meter máis recortes na protección e as coberturas sociais.
Actualización das políticas de recortes
Engade que o plan de recuperación se dá nun contexto no que a política fiscal e monetaria de austeridade da Unión Europea segue vixente. «Fronte ao presunto xiro da UE que se está vendendo, cómpre ter en conta que non se fixo unha emenda á totalidade ás políticas austericidas desenvolvidas nos últimos anos no seo dunha Unión ao servizo do capital e non dos pobos nin do conxunto das maiorías sociais».
A este respecto reiterou os temores a que este acordo constitúa «unha actualización das políticas de agresión aos dereitos sociais, de precarización das condicións laborais e salariais, de privatización do sistema de pensións, e de consolidación dunha fiscalidade regresiva que rebaixa impostos ás persoas máis ricas e penaliza a quen menos ten, a conta, por exemplo, de subir outra vez o IVE. En definitiva, «preocúpanos que o paquete de reformas que traia consigo este plan de recuperación nos leve a unha situación de involución maior e a afondar no deterioro do benestar da clase traballadora galega».
Investir nos sectores produtivos
Carril entende que os préstamos e subvencións, que non comezarán a chegar até o próximo ano, non poden destinarse a financiar subrepticiamente o gran capital e as entidades financeiras, a máis ineficaces subvencións ás empresa en forma de bonificacións á contratación ou a políticas de desmantelamento dos nosos sectores produtivos básicos. Senón que deben dirixirse a economía produtiva, nomeadamente a favorecer o desenvolvemento do sector industrial e a fortalecer o sistema de protección social e os servizos públicos.
Nesta liña, pon o foco nas grandes ameazas que sofre Galicia atravesada por unha fonda crise industrial de norte a sur, un proceso de transición enerxético que «nin é xusto nin é galego» ou un avellentamento agudizado da poboación. Abundando nesta cuestión, Carril apunta ao seguidismo do Goberno español na transposición das políticas emanadas de Bruxelas e á actual mala distribución dos fondos procedentes da UE «que non se empregan para favorecer o noso desenvolvemento, senón máis ben para avanzar nunha economía dependente do turismo e na destrución do noso cativo tecido produtivo».