Concentración en Vigo para esixir o indulto de Carlos e Serafín
A única explicación do silencio do Goberno do PP é que "estamos ante unha burda montaxe onde se pretende desprestixiar a protesta sindical e amedentrar a clase obreira".
Como cada segundo xoves de cada mes voltouse a pedir o indulto de dous traballadores, Carlos e Serafín, que foron condenados, como recordou Amelia García,de CCOO, polo crime de «participar nun piquete informativo, nunha folga para activar a negociación colectiva» que é un dereito fundamental básico garantido na Organización Internacional de Traballo e no Estatuto dos traballadores.
O seu delito foi defender á clase obreira, defender o mesmo que moitas e moitos facemos nunha folga para mellorar os dereitos laborais, no seu caso o do Convenio de Transporte Público de Mercancías por Estrada. Identificados pola policía dixéronlles que era unha identificación rutinaria, pois non danaran nada nin a ninguén. Pero tempo despois foron acusados e condenados por un Código Penal obsoleto que persegue as e os traballadores no exercicio da folga.
Amelia recordou que «estes compañeiros contan co noso respaldo sindical e social. Presentáronse miles de sinaturas pedindo o indulto ao goberno e incluso lles chegou esta petición dende o Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra e o Parlamento de Galiza».
Ante a denegación do indulto nunha ocasión foi de novo pedido, sen que ate agora teñan contestación, polo que corren o risco de teren que entrar en prisión. Mentres vemos como, en palabras de Amelia, «hai dúas varas de medir na xustiza: hai quen delinque, quen rouba o diñeiro de todas e todos e é absolto; e hai os que non deliquen e so exercen un dereito da constitución que debe ser especialmente protexido polos poderes públicos e en vez de eso son condenados e están a merced dun indulto que non da chegado».
A única explicación do silencio do Goberno do PP é que «estamos ante unha burda montaxe onde se pretende desprestixiar a protesta sindical e amedentrar a clase obreira». É o maior «intento de criminalización do dereito de folga e o ataque mais duro contra a liberdade sindical dende que estamos en democracia».
En nome dos tres sindicatos convocantes, CIG, CCOO e UGT, a secretaria comarcal de Comisións Obreiras reiterou que seguirán cas mobilizacións, berrando, co resto da xente: ¡Carlos, Serafín, indulto xa!.