A Federación de Sanidade de CCOO Galicia critica as «desafortunadas» declaracións de Feijóo sobre a reserva de máscaras sanitarias
O sindicato coida «inadmisibles» as palabras do presidente da Xunta, facendo «alarde» de reserva destes equipamentos, mentres moitos profesionais denuncian que non lles chega o material.
A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia critica as «desafortunadas» declaracións do presidente da Xunta sobre a reserva de máscaras sanitarias. O sindicato coida «inadmisibles» as palabras de Alberto Núñez Feijóo facendo «alarde» dunha reserva de medio millón de unidades destes equipamentos de protección ao tempo que moitos profesionais denuncian que non reciben o material.
CCOO esíxelle á Xunta que poña a disposición dos profesionais, tanto da sanidade pública como da privada, todos os equipamentos de protección individual necesarios para que poidan desenvolver o seu traballo de xeito seguro, sen poñer en risco a saúde nin de doentes nin a súa propia. «Isto é o que precisa Galicia, en vez de propaganda da súa ‘xestión’ nesta crise».