Redacción •  Galicia •  23/04/2020

A FGAMT-CIG pide que se fagan test de coronavirus a todos os traballadores e traballadoras do servizo de ambulancias

O sector de Transportes da FGAMT-CIG dirixiuse á Consellaría de Sanidade para esixir que se realicen test da Covid-19 a todos os traballadores e traballadoras de ambulancias para evitar a expansión dos contaxios e medir o alcance da enfermidade entre o colectivo laboral. A petición reviste máis urxencia logo de que a Administración retirara por defectuosas as máscaras 95 Garry Galaxy, que estivo empregando o persoal sanitario incluído o de ambulancias.

A FGAMT-CIG pide que se fagan test de coronavirus a todos os traballadores e traballadoras do servizo de ambulancias
Segundo lembra o responsable da CIG-Transportes, Xesús Pastoriza, a Xunta procedeu a retirar e a cambiar estas máscaras por outras novas, «pero isto non evita o posíbel contaxio do persoal de ambulancias que estivo traballando con elas durante días crendo que estaba protexido, nin o das persoas que tiveron contacto con estes traballadores e traballadoras».
 
Por iso, a CIG pide que se identifique a todo o persoal que estivo en exposición de risco, cunha falsa protección, e se proceda de inmediato á realización do test que corresponda, máxime cando dende a propia Xunta acaban de anunciar publicamente que se realizarán 100.000 test de Covid-19 entre a poboación galega.

Consellería de Sanidade /  coronavirus /  COVID-19 /  Xunta de Galicia /