En Marea •  Redacción •  Galicia •  23/08/2017

En Marea oponse aos novos proxectos eólicos de Gas Natural Fenosa na Costa da Morte

A coalición posiciónase radicalmente en contra dos dous parques eólicos proxectados pola enerxética en Cabana de Bergantiños e Laxe e considera que suporán "unha agresión medioambiental e paisaxística sen precedentes" para a zona.

En Marea oponse aos novos proxectos eólicos de Gas Natural Fenosa na Costa da Morte
O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, e o deputado da área de Industria, Francisco Casal, explicaron en rolda de prensa no Parlamento galego que, entre outras cousas os aeroxeneradores destes proxectos, que serían dos máis grandes de Galicia, «triplican as dimensións da Torre de Hércules» nun dos territorios «de maior valor paisaxístico da Península».
 
Para Francisco Casal, o inxente tamaño dos aeroxeneradores supón «unha maior contaminación paisaxística para o territorio pero, ademáis, estes aparellos precisan dunha serie de instalacións auxiliares moito máis grandes que as habituais», polo que «hai que contar que tamén suporán a construción de novas liñas de alta tensión e as subestacións correspondentes».
 
Para o deputado de En Marea o feito de que sexan só tres (Laxe) ou catro aeroxeneradores (Mouriños, Cabana) en cada proxecto supón un pequeno elemento máis «posto que as eléctricas pagan aos concellos en función do número de aeroxeneradores e non da capacidade de produción que teñan, polo que na práctica ningún destes dous parques deixará cartos nas arcas públicas dos concellos«. 
 
Francisco Casal fixo uns cálculos prudentes para as posibilidades de produción: «poderían facturar uns tres millóns de euros por ano, cun coste de mantemento que non pasaría dos 300.000 euros, o que suporía que en menos de oito anos os parques estarían financiados». Pero este beneficio inmenso, según explicou Casal, non deixa ningún beneficio na comarca porque as empresas «non teñen que pagar o canon eléctrico e como os parques se consideran de utilidade pública os prezos que se pagan polos terreos son irrisorios.
 
POLÍTICA DE EXPOLIO COLONIALISTA FOMENTADA POLO PARTIDO POPULAR
 
Para o deputado Antón Sánchez, a posta en marcha destes dous parques eólicos responde á mesma política que Feijóo ven desenvolvendo a nivel autonómico, de «explotación do territorio sen ter en conta do interese xeral, capitalismo de amiguetes, e nin unha soa medida para protexer os recursos de Galicia».
 
O vicevoceiro de En Marea sinalou que en ambos casos os prexuízos destes dous proxectos eólicos «son evidentes para un territorio que ten no turismo medioambiental unha das súas chaves para o futuro»
 
Sánchez sinalou que estas dúas instalacións suporán «unha agresión inaceptable para a Costa de Morte sen que a cidadanía reciba nada a cambio». «É simplemente un negocio para as empresas a conta de que a zona perda un dos seus recursos principais, o dos recursos medioambientais».
 
RESPALDO AOS COLECTIVOS SOCIAIS EN LOITA CONTRA OS PROXECTOS EÓLICOS
 
Na convocatoria pública, Antón Sánchez e Francisco Casal reiteraron o seu respaldo total aos grupos que están opoñendose á posta en marcha destes dous proxectos eólicos. Sánchez engadiu que esta será unha «liña chave de En Marea para o curso parlamentario» que retomará a súa actividade en setembro.
 

 

Costa da Morte /  En Marea /  enerxía eólica /  Gas Natural Fenosa /  proxecto eólico Mouriños /  proxecto eólico Pena Forcada Catasol II /