En Marea denuncia a ofensiva autoritaria do Goberno contra a liberdade de expresión
O vicevoceiro de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez, denunciou en rolda de prensa esta mañá os continuados ataques á liberdade de expresión que se están a repetir cada vez con maior frecuencia. Nas últimas semanas multiplicáronse os ataques contra a liberdade de expresión, uns ataques indiscriminados, con máis virulencia que nunca. Outro síntoma alarmante da escalada autoritaria que padecemos en todo o Estado. “Estamos ante unha escalada de ataques que van desde a suspensión cautelar de dereitos e liberdades á derrogación de liberdades e dereitos fundamentais. Unha deriva desde un Estado de excepción a un Estado autoritario” denunciou Sánchez.
A solución dos poderes do Estado, dos partidos maioritarios e das grandes corporacións económicas e mediáticas á crise de lexitimidade e representación do Réxime do 78 non é outra que enrocarse nunha orde de voz e pensamento único sinalou o viceportavoz de En Marea no Parlamento. “Quérese unha cidadanía desmobilizada, mansa, anestesiada, desinformada, intimidada, silenciosa. Criminalízase toda discrepancia ou disenso político” afirmou.
Desde o grupo parlamentar lamentan que se estea a empregar a Lei Mordaza para penalizar xudicialmente toda manifestación de protesta, con penas de cárcere que buscan amedrentar á cidadanía rebelde, como Emilio Cao, que simplemente reclaman pan, teito e traballo. Antón Sánchez sinalou feitos como a tipificación como delito de odio calquera tipo de crítica contra os poderosos ou que representan ao Estado, ou as “cruzadas inquisitoriais contra o humor irreverente con ameazas veladas e non tan veladas contra alcaldes como Martiño Noriega”. Obstaculízase a liberdade de creación. Secuéstranse libros libros. Ameázanse redaccións e editoriais.
“O ascenso do fascismo nos anos trinta do século pasado foi acompañado de prácticas semellantes; agora, aléntanse como a resposta da orde legal dunha Constitución baleirada de democracia. A derrogación, discrecional e selectiva, das liberdade de expresión é un ataque as raíces de toda democracia” remarcou Sánchez.
Estamos a sufrir para En Marea ante un ataque frontal contra o pluralismo, contra a manifestación da diversidade e das diferenzas, o que pon en cuestión a liberdade de crear e dicir, disolve os dereitos de cidadanía privándonos de ser auténticos cidadáns e cidadás.
O obxectivo non é outro que conseguir unha sociedade servil e atacar ás ansias da xente de loitar contra unha sociedade mellor. “Hoxe 23F é un día sinalado para acender as luces de alarma sobre esta deriva autoritaria do Estado” declarou o vicevoceiro de En Marea. Ante esta situación desde En Marea fan un chamamento á cidadanía xa que “só a afouteza e o compromiso cidadán recuperará espazo social e institucional para o exercicio dos nosos dereitos fundamentais, só exercendo, dun xeito rebelde e inconformista, a liberdade protexeremos as nosas liberdades”.
O grupo de En Marea presentará así ao resto de grupos do Parlamento unha proposta de Declaración Institucional para entre todos artellar un bloque democrático para acabar con esta ofensiva autoritaria xa que “todos e todas estamos ameazadas”. Nesta proposta se presenta un verdadeiro compromiso activo coa defensa da liberdade de expresión e na denunciar toda actuación que entorpeza, limite ou impida a libre expresión de opinións ou crenzas, e que o Parlamento se dirixa ao Goberno do Estado para esixir o cese das actuacións represivas que limitan o exercicio de dereitos e liberdades fundamentais. “Se esta cámara parlamentaria aínda desexa representar democraticamente ás cidadás e cidadáns de Galiza, ten que poñerse ao servizo da liberdade de expresión, cerna de toda democracia” concluíu Antón Sánchez.
Na rolda de prensa o vicevoceiro de En Marea estivo acompañado por Emilio Cao, mozo acusado por participar nunha manifestación en Madrid o 22 de marzo de 2014 na que se reclamaba ´pan, teito e traballo`, pola que se enfronta a unha acusación por atentado á autoridade e desordes públicos o vindeiro 19 de marzo e que podería supor unha condena de 8 meses a 5 anos.