Redacción •  Galicia •  24/06/2020

Gómez Reino (Galicia en Común- Anova Mareas): «Feijóo é o prestidixitador das mentiras»

  • «Non queremos voltar a vella normalidade de recortes, privatizacións e corrupcións do PP. Construíremos unha boa normalidade de servizos públicos e emprego para ser un país á altura do que nos demanda a sociedade», afirmou.
  • Galicia en Común- Anova Mareas presenta 492 medidas específicas “para poñer á Xunta ao servizo da cidadanía e construír entre todas o futuro deste país”.
Gómez Reino (Galicia en Común- Anova Mareas): «Feijóo é o prestidixitador das mentiras»

Compostela, 24 de xuño.- Galicia en Común-Anova Mareas ven de presentar hoxe o programa da coalición para Gobernar Galicia a partir do 13 de xullo. «Estamos preparados para gobernar Galicia. O que presentamos hoxe é moito mais que un programa. É un contrato coa sociedade galega e unha folla de ruta para cambiar o país e vertebrar una Galicia con futuro», manifestou Antón Gómez Reino, portavoz da coalición e candidato á Presidencia da Xunta de Galicia. 

«Estamos ben orgullosos dun programa moi traballado, consolidado e artellado en catro grandes bloques que suman preto de 500 medidas concretas que son o resultado da nosa experiencia de Goberno no Estado, no Congreso dos Deputados e no Parlamento galego e tanto nos concellos como nos espazos municipalistas coas achegas dos expertos e da sociedade civil en todas as materias que teñen que vertebrar unha Galicia do século XXI», manifestou o voceiro da coalición.  

Gómez Reino instou hoxe á sociedade galega a mobilizarse o 12 de xullo para acabar cos once anos de desgoberno  do Partido Popular «máis reaccionario e incapaz de poñer en marcha un Goberno de progreso que poña a Xunta ao servizo da cidadanía e que permita que,  entre todas, construírmos o futuro deste país”.

“Feijóo é un prestidixitador da mentira e da propaganda. Só un prestidixitador da mentira pode dicir que vai crear 15.000 empregos públicos logo de anos de destrución e precarización sistemática. Só un prestidixitador da mentira pode dicir que vai a reforzar as residencias de maiores cando foi o autor das privatizacións e só un prestidixitador da mentira pode dicir que fará protocolos para a sanidade despois de tela privatizado», manifestou Gómez Reino. 

Gómez Reino fixo fincapé nas 492 medidas específicas que o programa de Galicia en Común-Anova Mareas contempla para todos os sectores, necesarias e posibles en torno a catro grandes eixos para reactivar a economía do país e poñela ao servizo das maiorías sociais, reforzar as políticas públicas, recuperar e e ampliar dereitos esenciais desde a protección dos recursos naturais.

«O tempo de Feijóo rematou», afirmou. «Non queremos voltar a vella normalidade. Galicia non precisa volver a vella normalidade de recortes, privatizacións e de corrupción do PP, ese partido ao que pertence e do que pretende agochar as siglas», expuxo o candidato da coalición.

«É o momento de construír unha boa normalidade sobre a base deste programa fundado nos servizos públicos, na intervención pública da economía, en xerar emprego de calidade, que fomentar a investigación e potenciar o ensino para ser un país e un Goberno á altura da sociedade coas portas abertas a Galicia», dixo. 

A presentación do programa tiña lugar este mércores no parque de Belvís, na que candidato á Presidencia estivo arroupado polos cabezas de lista das catro provincias e outras tantas persoas que integran a candidatura. 

A cabeza de lista da coalición por Pontevedra, Eva Solla, destacou que o programa contempla estratexias e proxectos concretos para reconstruír o sistema público de saúde, “destruído durante os anos de recortes e privatizacións da era Feijóo”, e un proxecto de reactivación económica fundamentado na creación de emprego digno e estable. Solla tamén lembrou que desde que Feijóo accedeu á Xunta no 2009 destruíronse en Galicia máis de 54.000 postos de traballo.

Martiño Noriega, candidato pola Coruña, asegurou que o programa recolle o compromiso de Galicia en Común- Anova Mareas co país e que “a partir do 13 de xullo, a Xunta empregará todas as súas competencias para reforzar ou autogoberno e garantir que a administración pública traballe con transparencia e honestidade polo benestar e a liberdade da súa cidadanía.» «Seremos un Goberno coas portas de cristal», afirmou Noriega. 

En materia de educación,  a número dous pola Coruña, Luca Chao anunciou que o Goberno a coalición impulsará a partir do 13 de xullo «unha lei propia que blinde orzamentariamente o dereito ao ensino público e gratuíto, cun plan para reducir os concertos, para a recuperación dos dereitos do profesorado e a diminución das ratios de alumnas por aula”.

Pola súa banda, a número dous por Pontevedra, Iria Figueroa, lembrou que a precariedade “é un mal endémico” que se ceba especialmente coa mocidade. 
“É o momento dun Goberno que non lles permita ás empresas explotar aos nosos mozos e mozas cunhas condicións laborais que dan auténtico pánico», sinalou.

O cabeza de lista por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, subliñou as medidas específicas do programa destinadas a recuperar a industria cultural do país. “Precisamos ampliar a dotación orzamentaria destinada ao sector da cultura en toda a súa dimensión, que representa máis do 2% do PIB galego con máis de 30.000 traballadores, para evitar a destrución de emprego e para reactivar un elemento estratéxico e fundamental para o noso país».

David Bruzos, número uno da candidatura por Ourense, destacou que o programa de Galicia en Común permitirá desenvolver a reactivación económica do país “respectando a protección dos seus recursos naturais, contribuíndo a protexer o planeta e a combater os efectos do cambio climático, equilibrando as diferenzas territoriais e atendendo ás necesidades específicas das zonas rurais.

“O noso Goberno traballará para conservar e desenvolver todos os recunchos de Galicia, todas as cidades, vilas,barrios e parroquias do país”, concluíu Bruzos.

Finalmente, a candidata por A Coruña Sainza Ruiz destacou que o programa da coalición “é o máis social da historia de Galicia”, e lembrou que recolle “medidas concretas para loitar pola xustiza social e combater a pobreza e a desigualdade”.

É o momento de construírmos o futuro!

nesta ligazón tes o documento do programa de Galicia en Común-Anova Mareas.


Alberto Núñez Feijóo /  Antón Gómez-Reino /  Galicia en Común-Anova Mareas /