Manuel Lago: “AUDASA vai bater un récord mundial co incremento nas peaxes da AP9 catro veces nun só ano”
“AUDASA vai bater un récord mundial: incrementar as peaxes da AP9 catro veces nun só ano”. Con esta afirmación arrancou o deputado de En Marea, Manuel Lago, a súa pregunta ao goberno galego sobre a autoestrada AP9 esta tarde. O deputado de En Marea lembrou que o primeiro día do ano a subida foi do 1,9 por cento xa que as autopistas teñen garantido por lei que as peaxes suban o mesmo que a inflación, “un dereito que non teñen os pensionistas pero si as autopistas de peaxe”. A segunda será do 1 por cento durante 20 anos como consecuencia do acordo de novembro de 2011 entre a Ministro Blanco e Audasa. A terceira será un 0,9 por cento en todas as peaxes, como consecuencia do Acordo de 2013, entre a Ministra Pastor e Audasa. E a cuarta, aínda non sabemos nin canto nin cando, polo acordo entre Feijóo/de la Serna e Audasa.
“É un escándalo: subir catro veces nun ano os prezos xa abusivos da AP-9. Escándalo, roubo, atraco a punta de peaxe. Pode elixir o nome que queira” denunciou Manuel Lago. Para En Marea “a estratexia de Audasa é inaceptable e só se pode entender desde a complicidade do bipartidismo rotatorio que gobernou este país”.
Así temos as peaxes máis caras para a peor autopista do Estado, porque Audasa é a empresa que ten o maior número de reclamacións presentadas polos usuarios, a que ten o menor número de empregados e a de maior sinistralidade. A AP-9 supón o 3 por cento do total de usuarios da rede de autoestradas pero ten o 19 por cento do total das reclamacións. Un mal servizo que ten causa na política laboral da concesionaria: Audasa é a empresa que ten a peor ratio de persoal por quilómetro de todas as autoestradas de peaxe do Estado. “Non entre as peores. A peor: en Audasa hai 0,4 empregados por cada quilómetro fronte á medida de 1 emprego por quilómetro no resto das autoestradas” salientou Lago.
“Audasa é un negocio redondo para os seus accionistas. A fórmula é simple: son un monopolio, que explota unha concesión pública, con tarifas abusivas e costes reducidos” declarou o deputado de En Marea.
Nos últimos 20 anos Audasa recadou 2.344 millóns de euros en peaxes, que se transformaron nun beneficio antes de impostos, intereses e amortizacións (BAII) de 1.900 millóns de euros: si. O resultado bruto de explotación de Audasa equivale ao 81 por cento da súa facturación. Despois de amortizar e pagar os gastos financeiros, os beneficios acumulados dende 1997 son de 1.181 millóns de euros: Audasa gana 1 de cada 2 euros que factura, cunha rendibilidade do 50 por cento.
“Unha empresa só pode gañar o 50% do que factura si actúa en réxime de monopolio de facto, porque esa rendibilidade non se corresponde con un réxime de concorrencia nun mercado competitivo.
Os datos da Central de Balances do Banco de España sinalan que as empresas españolas acadan unha taxa de beneficios netos sobre ingresos do 7%: a rendibilidade de Audasa é un 700% superior a media das empresas españolas. Un escándalo de peaxes abusivas que demostra que existe un amplo marxe para que Audasa poida ter unha política tarifaría diferente, con prezos mais baixos, coa única condición de que aceptara ter unha rendibilidade normal, isto é, similar á media das empresas españolas. “Se Audasa aceptara ter unha rendibilidade sobre ingresos do 14 por cento, a que ten Inditex, podería baixar as peaxes un 30 por cento. Ou dito doutro xeito, podería, e mesmo debería, asumir contra a súa marxe abusiva, a liberalización de peaxes como o de Redondela” explicou Manuel Lago. Fronte a isto temos un novo incremento do 1 por cento para compensar esta peaxe que suporá un beneficio de case 600.000 euros para á empresa.
Por este motivo, o grupo de En Marea entende que estamos diante da oportunidade histórica de acabar coa anomalía do negocio privado na rede de estradas de alta capacidade, un momento decisivo para resolver este problema a partir de 2018 por dous motivos fundamentais: o rescate das autoestradas de nova xeración de Aznar e o final da concesión da maioría das autoestradas de peaxe de primeira xeración, as do ditador Franco.