EU critica que os recortes innecesarios do PP provocan situacións de machismo e desigualdade nas familias, onde as mulleres rematan por asumir o papel de cuidadoras
Dende Esquerda Unida levamos anos a denunciar que os recortes do goberno do PP impiden a prestación de servizos moi necesarios, concretamente no eido sociosanitario.
Dende Esquerda Unida levamos anos a denunciar que os recortes do goberno do PP impiden a prestación de servizos moi necesarios, concretamente no eido sociosanitario. Aínda que o peor é o feito de que, en asuntos como a dependencia, por mor dos recortes, non sexan profesionais quen se encarguen destas tarefas, “o que acaba derivando nunha situación de machismo e desigualdade encuberta e agravada, xa que ao final quen se fai cargo das persoas dependentes son as mulleres: as nais, as fillas, as irmás, as noras…”, explica Eva Solla, membro da dirección de Esquerda Unida e deputada de En Marea.
“As políticas de recortes provocan situacións moi difíciles para as persoas dependentes, aínda que a situación recrúase cando hai un persoal, concretamente as técnicas e técnicos formados en Atención a Persoas Dependentes, e que previamente se tiñan incentivado para estudar esta especialidade grazas ao anuncio do PP de traballo seguro, se atopan agora sen saída profesional”, explica Eva Solla. Ademais, “debido a unha modificación da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa, estas persoas non están recoñecidas no convenio e non teñen categoría no listado de función pública”, sinala a deputada, que asegura que esixirá á Xunta que tome medidas respecto a este despropósito.
Doutra banda, Eva Solla destaca que “respecto á partida de atención de persoas maiores e con discapacidade, hai un recorte do 40% respecto a 2009. Estes exemplos de reducións dos orzamentos mostran que a lei de dependencia sacouse adiante con poucos de recursos, o que agora se traduce na imposibilidade de contratar a máis persoas ou de levar a cabo políticas que garantan os dereitos máis básicos da cidadanía”, asegura a deputada.