Redacción •  Wikimedia commons •  Galicia •  25/06/2016

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil abre expediente sancionador aos Concellos de Mondariz e Ponteareas polas obras do paseo fluvial do Tea

O Grupo Ecoloxista ADENCO vén de ter coñecemento do inicio do expediente sancionador por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil contra os Concellos de Mondariz e Ponteareas polas obras realizadas para a construcción do paseo fluvial do río Tea.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil abre expediente sancionador aos Concellos de Mondariz e Ponteareas polas obras do paseo fluvial do Tea
Desde hai case tres anos, o Grupo Ecoloxista ADENCO vén denunciando o impacto destas obras sobre o espazo protexido dentro da Rede Natura 2000 Río Tea, debido á construcción dunha senda fluvial quilométrica, entre Ponteareas e Mondariz. As afeccións son varias, como a destrucción do hábitat, a alteración do espazo e a achega de terra e xabre ao cauce do río.
 
A raíz das últimas enchentas, nas que a auga do río destruiu quilómetros de senda, arrastrando centos de toneladas de xabre ao fondo do río, levantando ou movendo pasarelas e pontes, deixándoas inutilizadas, o Grupo Ecoloxista Adenco volveu pór de manifesto a inadecuada realización da obra, que non cumpría os permisos obtidos no seu día.
 
Así, agora, a Confederación abre un expediente sancionador contra as dúas administracións locais implicadas na realización da obra, polo incumprimento de determinadas condicións, que eran fundamentais para autorizar a obra no dominio público hidráulico.
 
O Grupo Ecoloxista ADENCO personarase no procedemento, solicitando copia de todo o que se tramite a partir de agora e, unha vez máis, recordando o acordado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia: a necesidade de retirar a senda e devolver o espazo á súa situación anterior.
 
NOVAS SANCIÓNS
 
Recentemente, ADENCO deu a coñecer a sanción imposta ao Concello de Ponteareas, de 6000,00€, pola destrucción do Castro da Croa de Ribadetea, tamén como consecuencia da realización da senda fluvial. Ademais, está pendente a sanción á Comunidade de Montes de Ribadetea polos mesmos feitos.
 
Ademais, ADENCO solicitou información sobre o proxecto que pretende “arranxar”, con 60.000,00€ de Augas de Galicia, a zona destruída no Concello de Mondariz. Agora, evidentemente, terá que verse se ese proxecto, que actualmente descoñecemos, conta con algunha tramitación ambiental, se cumpre co estipulado na autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e se ten sentido seguir tirando cartos nesta obra que xa se demostrou que é totalmente insostible.

Confederación Hidrográfica Miño-Sil /  Tea /