A Fundación 10 de Marzo de CC.OO. celebrou os seus 25 anos ao servizo de Galicia e da memoria obreira
A Fundación 10 de Marzo (F10M) de Comisións Obreiras de Galicia organizou esta semana un acto para celebrar os 25 anos de vida da entidade, un cuarto de século ao servizo do país e da memoria obreira. O sindicato constituíu a fundación no ano 1991 tras constatar o escaso coñecemento entre a cidadanía da represión franquista e a falta de recoñecemento das persoas que loitaron polas liberdades, especialmente no ámbito do movemento obreiro.
O nome da Fundación remóntase aos sucesos acontecidos en Ferrol o 10 de marzo de 1972, cando a policía franquista reprimiu con disparos unha manifestación obreira, causando a morte de dous militantes de CCOO —Amador Rey e Daniel Niebla— e deixando ducias de persoas feridas de bala. Comisións Obreiras conmemora cada ano esa data como o Día da Clase Obreira Galega.
Neste cuarto de século foi moi diverso o traballo realizado pola F10M. En primeiro lugar, a instauración dos Premios 10 de Marzo como homenaxe a militantes de CCOO, a sindicalistas que impulsaron as loitas dirixidas á mellora das condicións laborais, a persoas que pelexaron pola conquista e ampliación das liberdades, polo autogoberno de Galicia. Tamén a quen no ámbito sociopolítico, e sen seren estritamente sindicalistas, se achegaron decisivamente á conquista dos obxectivos antes sinalados.
Outra actividade salientable foi a creación do arquivo histórico, constituído por documentos, panfletos, publicacións, fotografías e outros materiais que están ao dispor dos membros de CCOO e de calquera persoa que os precise para as súas investigacións. A Fundación tamén contribuíu ou colaborou na elaboración de exposicións ou na edición de libros e folletos dedicados a persoas ou colectivos que, fundamentalmente no ámbito da loita obreira e sindical, foron protagonistas e dinamizadores da devandita causa, e suxeitos claves para a consecución de moitas reivindicacións e logros históricos.
ACTO DO 25º ANIVERSARIO
O acto de conmemoración do 25.º aniversario da Fundación tivo lugar o xoves no edificio CERSIA de Santiago de Compostela. Áurea Vázquez, secretaria xeral de CCOO de Ferrol, e Xan María Castro, presidente da F10M, deron a benvida ás máis de duascentas persoas que participaron neste acto. A seguir interviñeron o secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, o secretario xeral confederal, Ignacio Fernández Toxo, e despediu o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega.
Xan María Castro, ex-secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e actual presidente da Fundación 10 de Marzo, salientou que a organización sindical foi pioneira na defensa da memoria historica. Neste labor, CCOO contou con «escaso apoio no ámbito institucional, agás honrosas excepcións».
Pola súa parte, Sánchez Aguión salientou que a F10M é «un referente» tanto na recuperación da memoria obreira como na elaboración de traballos sobre o ámbito social, económico e laboral. O sindicalista puxo en valor a Fundación e o sindicato e afirmou que CCOO foi, é e será «protagonista na construción e o desenvolvemento da democracia e da igualdade».
En termos similares se expresou Ignacio Fernández Toxo. Tras lembrar os sucesos de 1972, «que coñezo ben, porque estiven alí», o secretario xeral confederal constatou que «o sindicalismo non está de moda e haino que volver poñer». Por esa razón, insistiu na necesidade de «repensar o sindicato» para que siga a ser unha «ferramenta imprescindible» para a clase traballadora.