AGE en Europa pide investigar os lazos das multinacionais co financiamento dos grupos armados no Congo
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), interviu este mércores en Bruxelas na sesión plenaria do Parlamento Europeo, onde se debateu unha Proposta de resolución sobre as masacres na zona oriental da República Democrática do Congo. Senra, que interviu en nome do GUE/NGL neste debate, pediu na súa quenda de palabra que a Unión Europea investigue os lazos existentes entre as grandes empresas multinacionais explotadoras dos recursos naturais do Congo e o financiamento de grupos armados que actúan nesta zona.
“A Unión Europea deberá poñer en marcha unha investigación independente sobre o papel das multinacionais europeas na vulneración dos dereitos sociais e ambientais e dos seus lazos co financiamento de grupos armados para poder seguir coa explotación do subsolo congolés”, reclamou a eurodeputada galega. En concreto, Lídia Senra referiuse na súa intervención aos datos aportados por Ibrahim Thiaw, director executivo adxunto do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUE), quen declarou en 2015 que máis de mil millóns de dólares son explotados anualmente en recursos naturais no Congo e o 98% dos beneficios das explotación van a mans de grupos internacionais e o 2% restante alimenta a grupos armados internos.
A representante de AGEe reclamou así mesmo que a Unión Europea debe garantir a non inxerencia e a soberanía da República Democrática do Congo e que a poboación poida beneficiarse do seus recursos naturais, para o que defendeu como necesario “instaurar o control da actividade das multinacionais, mediante a revisión e derrogación de todos os contratos mineiros e forestais”.
“O respecto ao dereito da República Democrática do Congo á soberanía alimentaria e a anulación da débeda, son tamén, segundo Lídia Senra “medidas imprescindibles para dar resposta ás necesidades básicas e urxentes da poboación”.
Lídia Senra manifestou ademais o seu apoio ás solucións políticas e pacíficas dos conflictos, xa que, dixo, “as solucións militares acarrean máis morte, máis dor e máis violencia á poboación”. Neste sentido, amosou a súa preocupación polo reforzo do Mando Militar de Estados Unidos en África (Africom) e do seu papel desestabilizador en distintos países, tamén na República Democrática do Congo, e pediu en nome de AGEe o desmantelamento e a retirada do Africom.
Segundo a Oficina de Coordinación de Asuntos Humanitarios (OCAH), a 31 de xullo de 2015 había case 1.500.000 persoas desprazadas dentro do país, é dicir, o 7% da poboación total da nación; e continúan vivindo no exilio máis de 400.000 persoas refuxiadas congoleñas, situación que é especialmente grave nas provincias de Kivu do Norte e Kivu do Sur, na zona oriental do país.
Desde principios de 2016, a violencia volveu aumentar. De feito, 17 persoas foron asasinadas con arma branca en maio no pobo de Eringeti, a 60 quilómetros ao noroeste de Beni e a 200 metros de dous campos da Misión de Estabilización das Nacións Unidas na República Democrática do Congo (Monusco). As masacres na rexión de Beni provocaron un cento de mortas e mortos entre febreiro e maio de 2016.