Ernesto Ilkermn •  Galicia •  26/05/2017

Concentración en Vigo contra a violencia de xénero

Un mes máis, no que un menor foi asasinado, a Rede de Mulleres Veciñáis contra os Malos Tratos concentrouse en Vigo o xoves 25, como veñen facendo dende fai anos, para rexeitar esa violencia que ás veces se leva por diante a vida de mulleres e crianzas.

Concentración en Vigo contra a violencia de xénero
No manifesto, lido pola xornalista Maika Aguado, agradeuse o apoio das persoas que están cas mulleres nun acto de valentía fronte a «unha sociedade cada vez máis fiscalizadora dos nosos pensamentos». Continuou afirmando que «a acción das institucións nunca será suficiente sen a responsabilidade e a implicación de todas e todos nós» posto que a lacra da violencia afecta «non só as mulleres de calquera estrato social senón tamén ás súas fillas e fillos e en definitiva á sociedade no seu conxunto».
 
O terrorismo de xénero, que no que vai de ano asasinou a 38 mulleres e 5 cativos, «precisa unha resposta unánime a este mal, impedindo os intentos de xustificación, de banalización ou de ocultación de calquera tipo de maltrato sobre as mulleres». 
 
Preocupa especialmente o crecemento entre as novas xeracións das condutas de intimidación, control persoal, violencia física ou verbal: máis dun 80 % dos adolescentes coñece ou ten coñecido algún acto de violencia entre parellas da súa idade, porque «lamentablemente as relacións entre as rapazas e rapaces novos séguense a construír sobre a desigualdade, o poder e o sometemento».
 
Fronte a este panorama hai que seguir reclamando «a implicación de todos os axentes sociais, das institucións políticas e lexislativas» tano na prevención como no apoio necesario, porque «está claro que non é suficente».
 
Xa a título personal Maika contou que é «nai dunha filla de 23 anos» e non quere «que viva con medo», que ninguén, mulleres, fillas, irmáns ou nais vivan con medo. Rematou con enerxía, que transmitiu, puño en alto berrando «¡Non á violencia de xénero!». Tras gardar logo un minuto de silencio, polas que xa non poden estar, deuse por rematada a concentración.
 
 


feminicidio /  feminismo /  machismo /  Violencia de Género /