Redacción •  youtube.es •  Galicia •  26/07/2017

Luís Villares: «Poucas veces unha persoa fixo gala de tanta ignorancia como Rajoy na Audiencia Nacional»

O voceiro de En Marea considera que xa é o momento dunha "fronte ampla para recuperar as institucións para a cidadanía"

Luís Villares: «Poucas veces unha persoa fixo gala de tanta ignorancia como Rajoy na Audiencia Nacional»
En Marea considera que a testemuña de Mariano Rajoy foi a demostración de ata que punto o presidente do goberno está incapacitado para tal responsabilidade. A comparencia ante a Audiencia significa que Rajoy «ignora todo ou mente, se fose o primeiro caso está claro que un presidente non pode descoñecer todas as cousas que suceden baixo a súa responsabilidade; no segundo caso, no caso de mentir, Rajoy xa quedaría descualificado».
 
O voceiro de En Marea, Luís Villares, salientou que poucas «veces na política e na vida unha persoa fixo gala de tanta ignoración como Mariano Rajoy na Audiencia Nacional». Para Villares poden suceder dúas cousas: que dixese verdade ou contase mentira». Engadiu o voceiro que no caso de que dixese mentira «a súa neglixencia á hora de escoller ás persoas que manexasen as contas fano inhabil non soamente para dirixir o Partido Popular senón sobre todo para dirixir ao goberno do Estado». 
 
Luís Villares explicou tamén sobre a presenza do presidente do goberno na Audiencia Nacional que pode suceder que mentise, «é probable que mentise porque en multitude de ocasións afirmou que el mesmo limpara de corrupción o PP», do que se ten que deducir que se «limpou o partido de corrupción é porque sabía que había prácticas corruptas». Para o voceiro de En Marea, Rajoy perdeu unha «oportunidade para denunciar todas as prácticas corruptas do seu partido e ao non facelo deixa claro que non dixo verdade cando declarou esta mañá».
 
Para o voceiro parlamentario de En Marea, o que Rajoy deixou claro coa súa testemuña na Audiencia Nacional que o PP «concorreu dopado ás eleccións, o que nos obriga a preguntarnos que resultados tería obtido ese partido se contase con menos medios económicos, é dicir, se respectase a lei vixente de financiación como fan o resto dos partidos». Villares sinalou que o Pp «utiliza a corrupción como forma de goberno e como forma de financiamento habitual».
 
Luís Villares cre chegado o momento de formular «unha fronte ampla a favor da rexeneración democrática e a favor de recuperar as institucións para a cidadanía, unha fronte tamén a favor de evitar o saqueo dos recursos públicos e que se utilicen para o que o son: para facer políticas sociais para que a cidadanía poida vivir mellor».

En Marea /  Mariano Rajoy /