En Marea •  Redacción •  Galicia •  26/08/2016

En Marea comprométese co rescate dos servizos públicos esenciais fronte as privatizacións impostas por Feijóo para agochar a súa falla de capacidade xestora

Na presentación da candidatura en Vigo o candidato á presidencia da Xunta de En Marea, Luís Villares, acusou a Núñez Feijóo de "robarnos o dereito á felicidade urbana".

En Marea comprométese co rescate dos servizos públicos esenciais fronte as privatizacións impostas por Feijóo para agochar a súa falla de capacidade xestora

En Marea reclamou o rescate para á cidadanía dos servizos públicos de carácter esencial e de xeito especial da Sanidade pública acabando coas privatizacións de Núñez Feijóo que “con tanta intensidade están a padecer en Vigo e provincia de Pontevedra”. “Feijóo non sabía xestionar e por iso tivo que privatizar por non saber, pero nós temos homes e mulleres competentes, rebeldes competentes capaces de facelo e facelo ben. Temos as listas preparadas para gobernar, para lograr o cambio transformador fronte a un Feijóo que nos negou o dereito á felicidade urbana, á cidade como espazo de liberdade, de dereitos e onde construír o benestar, privatizando servizos públicos e deixando á xente polo camiño e sen oportunidades” explicou o candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Luís Villares, na presentación da candidatura de En Marea pola provincia de Pontevedra que tivo lugar na explanada da estación marítima de Vigo.

“Nós como En Marea vimos a ofrecer alternativas, a denunciar a indignación que nos produciu todo estes anos a deixación de funcións por parte de Feijóo. Vimos a comprometernos con toda á cidadanía de Vigo e da provincia de Pontevedra en clave positiva, de solidariedade a nivel de país e en clave de democracia participativa e de xustiza social” afirmou Villares.

“Nós non privatizaremos para ás empresas dos nosos amigos e amigas, para que saquen rendemento do que debería de ser un diñeiro para o público e para prestación de servizos esenciais. Feijóo privatizando servizos encheu os xulgados de corrupción e o 90 por cento dos casos de corrupción en Galicia están relacionados coa privatización de servizos públicos. En Marea rescataremos á Sanidade para o público e con iso tamén reduciremos os casos de corrupción que hasta este momento embazaron á actividade xudicial en Galicia” concluíu o candidato á presidencia da Xunta de Galicia por En Marea.

A cabeza de lista de En Marea por Pontevedra, Carmen Santos, salientou o compromiso da candidatura na defensa dos “sectores, esas empresas, eses traballadores, eses funcionarios que crean país e crean benestar”.  Así mesmo sinalou que o seu “obxectivo principal é demostrar que “ese personaxe ficticio de bo xestor, de seriedade que traballou tanto por Galicia é absolutamente falso”. “Núñez Feijóo é un lastre para o noso país, para a nosa economía, para a creación de emprego, para a nosa modernización e para o noso progreso”.

“Non queremos só botalo, senón convencer de que é a única garantía para que Galicia poda progresar e que a súa xente non teña que emigrar. Esta grande marea vai poñer enriba da mesa alternativas reais e que pensará e traballará para o 99 por cento. Unha candidatura de proximidade que levamos anos falando coa xente na rúa” rematou cabeza de lista de En Marea por Pontevedra, Carmen Santos.
 
Os candidatos e candidatas de En Marea trasladáronse posteriormente a praza da Leña de Pontevedra onde Xoan Hermida foi o encargado de presentar a candidatura que sinalou “conta cunha grande representación de pontevedreses e pontevedresas” implicados na loita social e a defensa do público e a xustiza social desde hai anos. Na súa intervención, o número 6 da candidatura de Pontevedra, Xoan Hermida, quixo destacar as raíces de En Marea “que veñen do galeguismo daqueles fundadores da patria que creron neste proxecto común de familia pero tamén no republicanismo cívico de xustiza social que representou moita xente de Pontevedra”. Unhas raíces que dan base a un proxecto que é “como unha árbore que da protección e froito a todos nós” e coa reivindicación da nova democracia coa que xa se está a demostrar en Coruña, Ferrol ou Santiago “que demostra que outra forma de gobernar é posible”.

A número 3 da candidatura por Pontevedra, Eva Solla, denunciou a incompetencia do goberno do Partido Popular “que en oito anos non foi quen de dar resposta as necesidades dun pobo limitouse á privatizar para os amigos e amigas”. “Nós queremos traballar contra o que representa o espolio do público. Temos un goberno que leva por diante absolutamente todo. Nestes meses somos xa a comunidade autónoma que acumula máis accidentes laborais e mortes no traballo no que vai de ano, non queremos un país onde as mulleres e homes se xoguen a vida para poder traballar. Queremos un país onde podamos traballar con dignidade e onde as mozas e mozos non  teñan que emigrar” salientou Eva Solla.

Na súa intervención desmentiu tamén a falsa mensaxe enviada por Núñez Feijóo como bo xestor. “Os que nos venden que realizaron unha xestión correcta foron precisamente os que levaron a cabo o espolio do público e endebedou ao noso país. Feijóo situou a nosa débeda por enriba dos 10.400 millóns, non para manter a sanidade pública ou ampliar o hospital de Montecelo senón para pagar máis débeda pública. Estamos aquí para mudar iso” afirmou a número 3 de En Marea por Pontevedra, Eva Solla.

Marcos Cal, número 2 por Pontevedra pola súa banda lembrou que En Marea é a expresión dunha vontade da cidadanía que veu nacendo desde hai anos. “Primeiro imaxinamos o mundo que queremos e despois o facemos” afirmou, lembrando que este momento non se podería dar sen moitas loitas previas de moita xente. O número 2 por Pontevedra rematou a súa intervención asegurando que En Marea “somos unha alternativa para representarnos a nós mesmas, construída entre todas, de igual a igual. E por iso o futuro de En Marea, porque compartimos análise, sabemos o que hai que mudar, somos maioría social e porque todas e todos somos un. Hai Marea!”.


En Marea /