En Marea esixe á Xunta de Galicia que escoite á cidadanía e demande a retirada inmediata as reválidas previstas pola LOMCE na ESO E Bacharelato
O grupo parlamentario de En Marea estará presente nas distintas concentracións convocadas este mércores para rexeitar as revalidas e a propia LOMCE.
O grupo parlamentario de En Marea mantivo unha xuntanza na tarde do martes coa Confederación de Asociacións de Nais e Pais de Galicia no Parlamento de Galicia na que se puxo de manifesto o rexeitamento tanto as probas de revalida como a propia LOMCE. A deputada de En Marea, Luca Chao, lembrou que a defensa do ensino público é unha prioridade para En Marea e para iso é imprescindible en ter unha interlocución directa coa comunidade educativa. É preciso que mañá haxa un baleirado total das aulas para lle dicir alto e claro ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que non queremos nin as reválidas nin a LOMCE. A deputada de En Marea, Ánxeles Cuña, sinalou que estamos ante un claro exemplo de indignidade que nos leva a un caos educativo e a creación de alumnos de primeira de segunda e de exclusión directa.
O presidente da Confederación de ANPAS de Galicia, Javier Sánchez, coincidiu en denunciar que o obxectivo destas probas non é outro que excluír aos que teñen dificultades para seguir un ritmo acelerado, aos que teñen problemas económicos, aos que pasan por situacións difíciles, aos que carecen de apoios familiares, a todos e todas eses que deberán ser os que se tería que investir o máximo esforzo para procurar o seu éxito e non cargar contra eles. Estas probas impostas polo Partido Popular privan de valor o traballo do profesorado, renuncian á formación no propio ao esixiren un coñecemento igualdado en datos, historia e referencias en todo o Estado deixando a un lado a propia historia. Ao tempo abren a porta a posibilidade de que unha mala decisión, un mal momento aos quince anos, torza a vida académica e profesional dos nosos fillos e fillas.
Trátase dunhas probas que anulan ou diminúen innecesariamente a utilidade de catro cursos e introduce na infancia e na adolescencia o erróneo concepto de que a educación é competitividade e resultados obxectivos, cando a educación a esas idades debe ser aprendizaxe das propias posibilidades, o coñecemento da propia realidade, unha canle de inclusión e participación na vida do grupo social, un medio para organizar e entender a propia vida.
O grupo parlamentar de En Marea rexistrou esta semana unha Proposición non de Lei no Parlamento de Galicia na que se instaba á Xunta de Galicia a solicitar ao Goberno do Estado que adoptase as medidas necesarias para retirar o Real Decreto 310/2016, do 29 de xullo, polo que se regulan as avaliacións finais de Educación Secundaria Obrigatoria e de Bacharelato.
En Marea denuncia que estas probas poden facer que milleiros de estudantes na nosa comunidade non obteñan unha titulación a pesar de ter superados todas as avaliacións realizadas polo seu profesorado ao longo da súa vida académica, deixando ditos estudos sen validez e supeditándoos por completo á resolución dun tribunal externo. O grupo parlamentario considera que este proceder é contraditorio coa determinación que a propia lei establece sobre a avaliación definida no seu artigo 28.1 como continua, formativa e integradora, e supón unha falla de consideración e confianza no profesorado e nos centros educativos totalmente inaceptable.
A isto súmase que, con ditas probas, o alumnado que tivese superado a Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO) pero non as mencionadas avaliacións finais, non poderá decantarse nin por Bacharelato nin por un Grado Medio de Formación Profesional, senón que se verá abocado irremediablemente a cursar FP Básica, salvo que xa tivera cumpridos os 17 anos, caso no que quedaría excluído do sistema educativo sen ningún tipo de titulación que lle permita un futuro laboral.
Por todas estas razóns, En Marea e a Confederación de ANPAS de Galicia animan á cidadanía a se sumar as concentracións previstas para mañá mércores en todo o país para manifestar o seu rexeitamento a estas probas e reclamar a Administración que no canto de pór constantes atrancos para favorecer a uns poucos, dedique o diñeiro e o mandato de todas e todos nós a traballar polo ben común e polas oportunidades compartidas en pé de igualdade.
Na xuntanza tratáronse tamén outros temas relevantes no ámbito educativo como foi a necesidade de recuperar de xeito inmediato a gratuidade de libros de texto xa que é imprescindible para garantir un ensino público gratuíto real. Tamén falouse da insostible situación dos comedores escolares no noso país con alimentos en estado lamentable en moitos casos, unha problemática que a Confederación salientou é algo habitual. Por iso EN Marea reclama a recuperación da xestión do servizo de comedor por parte do Goberno galego.