En Marea •  Redacción •  Galicia •  27/06/2016

En Marea comprométese a seguir traballando «polo cambio político» pese á perda de voto urbano en Galicia

A coalición de Podemos, Esquerda Unida e Anova baixa nas sete grandes cidades galegas e deixa de ser primeira forza en Vigo, quedando de segunda en Coruña, Ferrol, Santiago e Pontevedra e sendo terceira en Lugo e Ourense.

En Marea comprométese a seguir traballando «polo cambio político» pese á perda de voto urbano en Galicia
Tras coñecer os resultados, os candidatos e candidatas de En Marea agadeceron «o apoio e confianza» amosada polo pobo galego nesta convocatoria electoral. Alexandra Fernández asegurou que “os datos non os que agardábamos pero tamén é certo que este proxecto se nutre dos movementos da rúa, e a loita é longa e seguiremos a traballar no cambio político tamén a nivel do Estado”. 
 
O cabeza de lista pola Coruña e tamén deputado desde esta noite electoral, Antón Gómez-Reino, salientou que os resultados electorais supoñen unha “mala nova para o cambio político no Estado español”. “O bloque conservador se reordena, o que fai que Ciudadanos non teña representación e o PP acumule este bloque conservador de xeito claro. Quédanos o compromiso do traballo, do día a día, de toda esa xente que traballa dia a día nese espazo das mareas que irá pouco a pouco indo máis alá” afirmou Gómez-Reino.
 
Yolanda Díaz, a número 2 pola Coruña que tamén ocupará un escano no Congreso nesta nova lexislatura asegurou que a formación é “unha marea viva, que rexurde e temos a experiencia dabondo para desde mañá comezar a traballar polo futuro, empezar unha nova andaina no noso país”.

Eleccións 26X /  En Marea /